A Deputación promove o uso de sistemas de licitación electrónica na contratación pública

TerraChaXa
O Pazo de San Marcos acolleu unha xornada formativa sobre a licitación pública electrónica dirixida aos concellos da provincia.
7 Jun 2019

O Pazo de San Marcos acolleu unha xornada formativa sobre a licitación pública electrónica dirixida aos concellos da provincia. Ao redor de 50 técnicos e membros do persoal de entes locais da provincia de Lugo que están a desenvolver o seu traballo no eido da contratación pública asistiron a este obradoiro que tivo lugar, este mércores, no salón de actos da Deputación.

O encontro formativo organizado pola Área de Cooperación e Asistencia aos Concellos realizouse ante anecesidade de adaptación á nova lexislación actual que obriga aos Concellos e demais organismos de contratación a  implementar o formato electrónico na contratación pública.Trátase dunha nova obriga que impón a Lei 9/2017, de 8 de novembro, de Contratos do Sector Público, pola que se trasladan ao ordenamento xurídico español as Directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, de 26 de febreiro de 2014.

No ámbito dos Concellos, esta obriga legal supón unha oportunidade de cambio beneficiosa tanto para os provedores como para a propia Administración. Entre as vantaxes da licitación electrónica están a maior comodidade na tramitación,a redución no número de desprazamentos e o incremento da transparencia. A contratación electrónica tamén favorece unha maior apertura de mercado xa que posibilita unha maior concorrencia e participación do tecido empresarial ao permitir interactuar con entidades doutros ámbitos xeográficos.

Este obradoiro formativo organizado pola Deputación, foi eminentemente práctico, facendo fincapé no uso das dúas plataformas electrónicas para a licitación pública, a Plataforma de Contratación do Sector Público do Estado e a Plataforma de Contratos Públicos da Xunta de Galicia. Os Concellos poden usar calquera destes dous sistemas pero deben optar por un.  

Estas canles ofrecen a información das licitacións das diferentes Administracións e do sector público autonómicos e das entidades locais dadas de alta nos sistemas. Na xornada amosouse o acceso aos sistemas de licitación electrónica da Plataforma de contratación do Estado e a Plataforma SILEX da Xunta de Galicia que facilitan a presentación de ofertas por vía telemática.

O  Adxunto Xefe de Servizo de Comunicacións e TICs, Nicolás Fariña Verea, e o Técnico de Xestión do Servizo de Asistencia Xurídica Económica e Técnica aos Concellos, César Castiñeira Muiña, ofreceron unha visión práctica da licitación pública electrónica. Ambos técnicos da Deputación Provincial de Lugo afondaron no funcionamento da  Plataforma de Contratación do Sector Público do Estado que é o sistema empregado na Deputación.

Pola súa banda, para amosar o sistema de licitación electrónica da Xunta de Galicia (SILEX) participaron nesta xornada como poñentes a Secretaria da Xunta Consultiva de Contratación Administrativa, Elena Barba Pan, e o Analista Programador do CIXTEC, Manuel Rodríguez Salgado, ambos da Xunta de Galicia.

O Goberno Provincial en funcións impulsou nos últimos anos un Plan de Tics para axudar aos 66 Concellos de menos de 20.000 habitantes a cumprir coas leis do Procedemento Administrativo Común e do Réxime Xurídico do Sector Público. Estas normativas obrigan ás entidades locais a realizar cambios nas súas ferramentas tecnolóxicas para modernizar, simplificar e garantir aos cidadáns a realización de todos os seus trámites cos Concellos de xeito telemático e con seguridade. No 2017 destináronse 300.000 euros e outros 138.000 euros máis, no 2018, para promover o uso da Administración Electrónica nos Concellos.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18371510505676