A Deputación proxecta a Reserva da Biosfera Terras do Miño nun encontro dixital
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo defendeu na xornada Somos Biosfera o compromiso da institución provincial co coidado do medio ambiente, que busca poñer en equilibrio o respecto á natureza e o desenvolvemento social e económico do territorio e das persoas.
A deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este venres na inauguración do encontro dixital Somos Biosfera – Terras do Miño. A Deputación de Lugo, que preside o Órgano Reitor da Reserva da Biosfera Terras do Miño, proxectou así este territorio e a súa protección nunha cita que celebra tamén os 50 anos do programa MaB (Home e Biosfera) da Unesco.
A representante provincial recoñeceu o compromiso “da Deputación de Lugo coa defensa do medio ambiente, que busca poñer en equilibrio o respecto á natureza e o desenvolvemento social e económico do territorio e das persoas”. Esta cita, foi posta en marcha polas Reservas da Biosfera de Galicia e organizado polo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (Ceida) coa colaboración da Deputación.
“Non ten sentido contrapoñer progreso e conservación; o que debemos facer é converter os programas de conservación da natureza en fonte de progreso, de emprego no rural, de turismo sostible, de conservación de costumes tradicionais e de fixación de poboación no territorio”, destacou García Porto.
A voceira socialista do Goberno destacou que “polo que respecta á propia xestión temos dado un paso importante nos procesos de transparencia na xestión e distribución equitativa dos fondos públicos e, para iso, abrimos unha liña de subvencións en concorrencia competitiva dirixida a fomentar a participación do tecido asociativo da Reserva Terras do Miño para levar a cabo proxectos de interese que incidan no desenvolvemento sostible do territorio”. Así mesmo, engadiu, “estamos avanzando nos traballos para contar coa marca propia Reserva da Biosfera Terras do Miño. Un selo que recoñece a calidade e a profesionalidade dos produtos e os servizos que ofertamos nos concellos da Reserva e que debe servir para impulsar a creación doutros novos”, recordou a deputada provincial.
Durante unha xornada, os corenta asistentes formáronse acerca da xestión deste territorio coa técnico do servizo provincial de Medio Ambiente Andrea Macho Benito, e puideron coñecer as oportunidades de certificacións con Alberto Rojo Alboreca, técnico do Órgano Reitor da Reserva da Biosfera, e o xestor de proxectos de FSC-España, Marcos Estévez Malvar, Gestor de Proyectos de FSC-España. Tamén descubriron os recursos deste territorio co guía oficial de Turismo Guido Álvarez Parga.
Estas xornadas continuarán o vindeiro venres 9 de xullo cunha formación online vinculada á Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, tamén xestionada pola Deputación de Lugo. As persoas interesadas poden inscribirse na páxina web do Ceida.
Axudas de concorrencia competitiva
A institución provincial vén de anunciar a posta en marcha dunha nova liña de axudas de concorrencia competitiva dotada con 83.000€ destinada a entidades sen ánimo de lucro do territorio das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, xestionadas pola propia Deputación. Esta medida está recollida no Plan de Impulso da Economía da Provincia que a Deputación puxo en marcha para axudar a paliar o impacto da pandemia, sobre todo na hostalería, o turismo e o comercio local.
A convocatoria de subvencións ten dúas liñas diferenciadas. A primeira destinada á execución de accións no territorio da Reserva da Biosfera Terras do Miño, dotada con 45.000€. Neste caso son un total de 26 municipios os que forman parte da Reserva: Abadín, Alfoz, Baralla, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, O Corgo, Cospeito, Friol, Guitiriz, Guntín, Láncara, Lugo, Meira, Mondoñedo, Muras, Ourol, Outeiro de Rei, O Páramo, A Pastoriza, Pol, Rábade, Riotorto, O Valadouro, Vilalba e Xermade. A segunda está destinada á execución de accións no territorio da Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá e conta 38.000€. Neste caso, son tres municipios (Becerreá, Cervantes e Navia de Suarna) os que integran a Reserva.
Cada entidade solicitante poderá optar a unha subvención que vai dos 1.000 aos 10.000€. Unha vez se publiquen as bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP), abrirase un prazo de solicitude de 10 días hábiles para presentar as peticións.