A Deputación quere poñer en valor o nacemento do Miño en Meira

TerraChaXa
A Deputación quere poñer en valor o nacemento do Miño en Meira. Adquirirá terreos para a construción dun paseo fluvial
pedregal de irimia Meira nacemento rio mino
2 Maio 2021

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo deu luz verde a un convenio interadministrativo co Concello de Meira polo cal se compromete a cooperar na adquisición de terreos para a construción dun paseo fluvial no río Miño ao seu paso polo municipio meirense. A institución provincial investirá 25.000€ para a compra dunha finca de 5.528 m2 coñecida como Monte Irimia, que está situada no entorno do Pedregal de Irimia, lugar de nacemento do río Miño.

O Concello de Meira é o punto do nacemento do río máis importante de Galicia, a uns 3 quilómetros do centro da vila. Situado a 700 metros de altitude, o berce deste río percorre 315 quilómetros e atravesa 3 das 4 provincias galegas, facendo fronteira con Portugal. 

Considerada unha zona de especial protección medioambiental, o Pedregal de Irimia ten un gran valor social e natural e a Deputación de Lugo, en colaboración co Concello de Meira, entende necesario promover aquelas accións que permitan a súa conservación. Neste caso, ambas entidades acordan construír un paseo fluvial que permita a unión desta zona co resto da vila, para o que é necesaria a compra de terreos valorados en 37.400€. A institución provincial aportará o 67% do custe, e investirá na posta en valor da zona uns 25.000€, sendo o Concello o que aporte os 12.400€ restantes.

0.14423012733459