A Deputación reclama á Xunta axudas para os concellos afectados polos temporais

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Deputación reclama á Xunta unha liña de axudas para os concellos afectados polos temporais do mes de xaneiro
31 Jan 2023

O Goberno provincial sacou adiante no Pleno unha proposta para demandar á Administración autonómica que declare a “emerxencia” nas zonas máis afectadas polas borrascas Gerard e Fien, como Lugo, Begonte, Viveiro, Cospeito, O Vicedo ou Pedrafita do Cebreiro.

A Deputación de Lugo reclamará á Xunta de Galicia que poña en marcha unha liña de axudas para os concellos máis danados polas borrascas de xaneiro Gerard e Fien, como é o caso de Lugo, Begonte, Viveiro, Cospeito, O Vicedo, ou Pedrafita do Cebreiro. O Goberno provincial sacou así adiante unha proposta que foi aprobada por unanimidade dos grupos da Corporación no Pleno ordinario celebrado este martes.

Lamentou a voceira provincial socialista, Pilar García Porto, a falta de “lealdade institucional” que está a amosar a Administración autonómica ante este tipo de incidencias coas entidades locais, lembrando varias situacións recentes nas que a Xunta “non estivo á altura”. Así, recordou como, ante a sarabia que afectou a zonas vinícolas da Ribeira Sacra hai dous anos, “recomendaba ós afectados ter contratado un seguro privado”, ou a “decepción” da súa resposta ante a vaga de lumes que asolou a provincia o pasado verán. “Agora, ante un temporal que ten afectado a amplas zonas de Galicia, e dun xeito especial á provincia de Lugo, a Xunta volve dar un paso ó lado e pretende que, unha vez máis, sexan as entidades locais as que asuman, tanto o traballo fronte ó temporal, como o custo da recuperación da normalidade”, sinalou.

García Porto destacou que, en contraposición, “dende a Deputación, puxéronse en marcha de inmediato todos os medios da institución para desenvolver un dispositivo de cooperación cos concellos que permitise manter aberta a ampla rede de estradas da provincia, minimizando o tempo dos cortes derivados das distintas incidencias”.

Expuxo a voceira socialista do Goberno que o desbordamento este mes de xaneiro dos ríos Miño, Cobo ou Sor “asolagaron amplas zonas do territorio, provocando inundacións de ata metro e medio de auga en vivendas particulares, comercios ou edificios públicos”. E lembrou que en territorios como O Courel, “a erosión das choivas torrenciais é aínda máis grave ó actuar sobre unha zona afectada polos efectos dos lumes do verán, empobrecendo aínda máis uns solos moi castigados.”

“Ante a gravidade dos danos”, sinalou a tamén Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, “a Administración autonómica ten que establecer mecanismos de axuda para facer fronte ós danos económicos derivados dos temporais, para que esta carga non teña que ser asumida en solitario polas facendas locais”. Explicou tamén Pilar García Porto que “danse todos os requisitos establecidos pola Lei de Emerxencias de Galicia” e lembrou que a Deputación de Lugo xa está axudando ós concellos afectados “cumprindo coa súa razón de ser”.

A institución provincial solicitará, polo tanto, a declaración por parte da Xunta de “emerxencia de interese galego” os danos rexistrados en Galicia polo efecto dos temporais de xaneiro; que a Administración autonómica habilite unha liña de axudas económicas para os concellos afectados que se establezan en función dos danos rexistrados e do impacto do temporal en cada municipio; e que inclúa axudas específicas para a Deputación de Lugo, que atendan ó seu carácter de administración local, para axudar a cubrir o custo dos traballos realizados durante o temporal.

0.15339207649231