A Deputación reclama á Xunta un plan de recuperación do Camiño Real

TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa
A Deputación de Lugo acordou reclamar á Xunta un plan de recuperación integral, sinalización e promoción do Camiño Real
camino santiago peregrinos
1 Jun 2022

O Pleno acordou por unanimidade pedir que se aplique á totalidade dos concellos polos que transcorre o trazado e se elabore un plan de promoción do itinerario como atractivo cultural e turístico, ligado ás rutas do Xacobeo na provincia de Lugo.

A Deputación de Lugo reclámalle á Xunta de Galicia un plan de recuperación integral, sinalización e promoción do Camiño Real na provincia de Lugo. Unha petición que foi acordada por unanimidade no Pleno ordinario de maio, ao aprobarse unha moción defendida polo PSdeG.

A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, pediu que o plan se aplique á totalidade dos concellos polos que transcorre o trazado do Camiño Real, “e non de xeito parcial como se fixo nos traballos do 2017”. Ademais, a proposta recolle que a Xunta de Galicia, tendo en conta as achegas das administracións locais, deseñe accións de promoción do Camiño Real como atractivo cultural e turístico, ligado á promoción xeral das diferentes rutas do Xacobeo na provincia de Lugo.

Concretou a Deputada de Promoción do Territorio e Turismo que este itinerario entra na provincia por Pedrafita do Cebreiro, percorre os concellos de Triacastela, As Nogais, Becerreá, Láncara, O Corgo, Lugo, Outeiro de Rei, Rábade e Begonte, e sae da provincia de Lugo por Guitiriz cara a provincia da Coruña. “A pesar das reclamacións de veciños e veciñas, asociacións culturais e medioambientais, e estudosos de numerosos ámbitos, o Camiño Real de Lugo non ten acadado das autoridades da Xunta de Galicia a protección e a posta en valor que merece a súa importancia histórica”, subliñou.

García Porto indicou que a Xunta de Galicia iniciou no 2017 o deseño dun plan parcial para facer tarefas de sinalética nos concellos de Triacastela, As Nogais, Becerreá, Láncara e O Corgo. “Un plan no que apenas se investiu daquela 50.000€ e que logo quedou interrompido, sen estender ao conxunto do trazado”. “Dende o 2017 ata este ano pasaron 5 anos e non se fixo nin un só quilómetro máis en relación co Camiño Real. O certo é que non entendemos por que non se fixo o trazado completo, e tampouco entendemos que sabendo da relación que ten co Camiño Francés e o de Inverno non se aproveitaran fondos do Xacobeo para impulsalo”. Nese sentido, apuntou a Deputada que a motivación pode estar “na desgana pola recuperación do patimonio”, xa que se están xerando “camiños de primeira e camiños de segunda, porque ao Camiño Real pásalle como ao Camiño do Mar, que segue esperando polo seu recoñecemento oficial”.

“Dende a Deputación temos un firme compromiso coa conservación e posta en valor do noso patrimonio cultural polo seu valor en si, como legado que debemos protexer, pero tamén pola súa importancia á hora de dinamizar o rural e xerar unha oferta turística de calidade”, afirmou.  Nese sentido, puxo o foco en que a aposta polo Camiño Real “é unha oportunidade importante para estes concellos e o certo é que, con atino, se comezou un proxecto que quedou paralizado”, explicou. “Dende logo a Deputación de Lugo vai estar apoiando, pero ten recursos limitados, por iso instamos á Xunta a realizar estas actuacións porque ten recursos e competencias”. 

“Non é a primeira vez que traemos unha moción para defender o patrimonio extenso que ten a provincia de Lugo, e gustaríanos que os orzamentos da Xunta sufriran unha transformación en positivo para a nosa provincia. Só buscamos o consenso para que, con vontade, se traballe a favor do noso territorio”, explicou.

O Camiño Real

A Deputada explicou que “entre o seu rico patrimonio cultural e histórico, a provincia de Lugo conserva as trazas do proceso de modernización das vías públicas acometido en España ao longo do século XVIII”. Detallou que entre 1761 e 1785, o plan de reforma das principais vías da península aplicouse tamén ao Camiño Real de Galicia, que transcorría entre Madrid e A Coruña.

Referiu que o Real Decreto de 10 de xuño de 1761 quería mellorar o comercio entre provincias facendo camiños “sólidos e rectos”, cun ancho de vía estandarizado en 19,60 metros. Polo que respecta á provincia de Lugo, os traballos de mellora desta vía acometidos polo enxeñeiro francés Carlos Lemaur suporán o descubrimento da Vía Romana XIX. “De feito, o trazado do novo Camiño Real vaise superpoñer ao da vella calzada latina. Este exemplo de enxeñería pública da Ilustración ten deixado na nosa provincia vestixios culturais como o leguario de Garabolos, que sinalaba unha distancia dunha legua (5,5 km.), ou o fito miriamétrico de Agüeira, en Becerreá, un dous poucos sinais da época conservados que marcaban unha distancia de 10 quilómetros”.

Así mesmo, afirmou que o estudo deste Camiño Real ten revelado o uso da mesma ruta, en tempos anteriores como ligazón entre os trazados xacobeos do Camiño Francés e o Camiño Primitivo. “De feito, algúns estudosos consideran que o trazado do Camiño Real puidese ter formado parte dun trazado orixinal do Camiño de Santiago”, detallou.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.16744613647461