A Deputación renova a colaboración económica coa Festa da Filloa de Muimenta
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, renovou o compromiso da institución provincial coa Asociación de Comerciantes, Empresarios, Profesionais, Gandeiros e Autónomos de Muimenta para a celebración da Festa da Filloa. O vindeiro luns, 1 de maio, o Recinto Feiral Manuel Vila López acollerá a 32 edición desta cita gastronómica, que anualmente atrae a un gran volume de público ao municipio chairego. José Tomé recoñeceu que esta Festa de Interese Turístico Galego “é xa unha cita obrigada para un gran número de veciños e veciñas da provincia, que veñen a degustar un prato emblemático do nosa gastronomía”. “Facer unha boa filloa é todo un arte e por iso quero animar a toda a veciñanza da provincia, pero tamén de Galicia e de comunidades veciñas a rematar a ponte do primeiro de maio saboreando este prato”, asegurou o mandatario provincial.
Así mesmo, afirmou que este tipo de iniciativas, que apostan polo fomento do turismo, conseguen “dinamizar e xerar riqueza no rural”. Este cita está apoiada pola institución provincial gracias a un acordo coa Asociación de Comerciantes, Empresarios, Profesionais, Gandeiros e Autónomos de Muimenta, á que achega 7.000€.
O programa
Dende primeira hora da mañá, as filloeiras e filloeiros comezarán a elaborar o prato estrela da festa gastronómica, á que se suman os churrasqueiros para a comida. Durante a xornada, os visitantes tamén poderán desfrutar da música e dos postos de artesanía que se instalan no recinto da localidade. Nesta edición o pregón correrá a cargo do escritor lucense Don Jordi Cicely.