A Deputación repara esta semana unha ponte en Rigueira, na vía Pastoriza-Muimenta
Inviste 30.000€ nos traballos para reafirmar a estrutura, que obrigan a cortar a vía ao tráfico entre o martes e o xoves desta semana.
A Deputación de Lugo comezará esta semana as obras para arranxar a ponte situada á altura de Rigueira, na estrada provincial LU-P-4401, que vai da Pastoriza a Muimenta por Reigosa. Investirá 30.000€ nos traballos para reafirmar a estrutura, que obrigan a cortar a vía ao tráfico entre o vindeiro martes e o xoves.
O primeiro día, o martes, haberá cortes alternos nos carrís, permitindo a circulación alternativa, mentres que o mércores e o xoves, a interrupción da circulación será total, polo que se habilitarán desvíos alternativos debidamente sinalizados.
Nesta mesma vía, ao seu paso polo núcleo urbano da Pastoriza, un tramo denominado Avenida Principal, a Deputación acometeu recentemente unha importante actuación cun investimento de 350.000€ para a dotación de novas beirarrúas, rehabilitación do firme, nova sinalización e melloras no alumeado. Así mesmo, con anterioridade destinou preto de 300.000€ á rexeneración do aglomerado por tramos e na reposición da pintura nos preto de 11 quilómetros desta estrada, mellorando a súa seguridade e comodidade de xeito integral.