A Deputación reparte os premios no concurso de postais de Nadal dos centros de maiores

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
Convocouse un concurso entre todos os residentes no que se decidiu outorgarlles a todos un recoñecemento pola calidade dos traballos.
Concurso postais nadal rede de residencias
21 Dec 2021

A Deputación de Lugo organizou para estas datas de Nadal dous concursos de postais na súa rede pública de Centros de Atención a Maiores. Nun deles, participaron os propios usuarios e usuarias, e no outro, escolares dos colexios das localidades onde están situadas as residencias.

Trala deliberación do xurado, acordouse premiar a todos os participantes en cada un dos concursos. No caso dos maiores, a calidade do deseño e elaboración das postais superaron os obxectivos marcados, polo que se lles fixo chegar un vídeo de agradecemento feito polo persoal da área de Benestar. As postais están expostas no Pazo de San Marcos, sede da Deputación de Lugo, decorando as diferentes árbores de Nadal que adornan o edificio no interior.

413 postais de escolares

En canto aos centros escolares, o alumnado do CEIP Rosalía de Castro de Pol, CPI Plurilingüe de Castroverde, CEIP Plurilingüe Santa María de A Fonsagrada, CEIP Gregorio Sanz de Ribadeo, CPI Uxío Novoneira de Pedrafita do Cebreiro e CEIP Celso Currás de Trabada participaron nesta iniciativa interxeracional. Recibíronse 413 postais moi elaboradas e feitas con cariño e dedicación.

As persoas usuarias dos centros leron as mensaxes que lles enviaron os rapaces e rapazas con agarimo. Todas elas atópanse expostas nos centros, facendo con elas árbores de Nadal. 

Dado que actualmente as pequenas e pequenos non poden acudir aos centros, as persoas usuarias enviáronlles vídeos de agradecemento e felicitación. Pola súa banda, a Deputación fíxolles chegar agasallos aos participantes, recoñecendo así o importante xesto que fixeron e a alegría que trasladaron ás residencias. No caso do CAM de Trabada, os propios usuarios e usuarias fixéronlle entrega dos obsequios de maneira persoal aos cativos e cativas. 

Conto para os nenos e nenas trabadenses

Os usuarios e usuarias do Centro de Atención a Maiores de Trabada elaboraron un conto que gravaron para poder proxectar aos escolares do CEIP Celso Currás da localidade. A directora do centro visitou o colexio para explicarlles como fora feito e os detalles desta actividade e, á súa vez, contoulles outro conto.

Visitas do Apalpador e de Papá Noel

Ao longo desta semana o Apalpador e Papá Noel visitarán aos residentes e aos traballadores e traballadoras dos Centros de Atención a Maiores da Deputación. Está previsto que mañá estean nas residencias de Castroverde e da Fonsagrada; o mércores, día 22, nas de Ribadeo, Trabada, Pedrafita do Cebreiro e Meira; e xoves 23, na de Pol.

Nas súas visitas entregaranlles aos residentes agasallos que estes dous protagonistas do Nadal na provincia lle encargaron facer á man a outros residentes da Rede de Centros de Maiores. Desta maneira, producirase un intercambio de obsequios.

Benestar emocional

Dende a área de Benestar da Deputación destacan a importancia para o benestar emocional dos residentes o feito de facer actividades deste tipo e de festexar celebracións ao longo do ano, con especial atención nas datas de Nadal. Así mesmo, é unha boa maneira para achegar ás persoas maiores e aos nenos e nenas, que se escribiron mensaxes e cartas moi sentidas.

Indican que serven para que os residentes saian da rutina, algo fundamental porque teñen unha motivación específica para mellorar a súa autoestima e súa calidade de vida. Así mesmo, axuda a aliviar o estrés e o deterioro cognitivo que produce esta pandemia e o non poder relacionarse como se facía antes coas súas familias e amizades.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.078691959381104