A Deputación representa en Guitiriz a obra 'Logos'

TerraChaXa
A deputada de Cultura, Pilar García Porto, a tenente de alcalde de Guitiriz, Laura Ageytos Miragaya e a directora do IES Díaz Castro, Olga Aguiar Enríquez, asistiron no IES Díaz Castro de Guitiriz á representación teatral Logos.
logos_guitiriz
15 Jun 2018

A deputada de Cultura, Pilar García Porto, a tenente de alcalde de Guitiriz, Laura Ageytos Miragaya e a directora do IES Díaz Castro, Olga Aguiar Enríquez, asistiron no IES Díaz Castro de Guitiriz á representación teatral Logos. Trátase dun ciclo de obras teatrais que ofrece a área de cultura da Deputación. Un espectáculo baixo o prisma do humor e nun contexto distópico, reflexo da realidade que afonda nas relacións humanas a partir das interaccións entre os seus personaxes. Esta obra é unha parodia que xoga cos referentes do xénero para levar ao espectador un mundo inventado pero absurdo e real, como a vida mesma. Esta representación é a segunda das catro que se van a facer na provincia lucense, a primeira foi na Casa da Cultura preto do IES da Terra Chá en Castro Ribeiras de Lea, esta segunda foi no IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz, o día 18 de xuño poderán desfrutar desta obra os alumnos do IES Alfoz-Valarouro en Alfoz e o día 19 serán os alumnos do IES Lucus Augusti de Lugo os que pechen esta programación de actuacións, unha iniciativa do Goberno Provincial.

García Porto avanzou que “dende o Goberno da Deputación creamos esta iniciativa para impulsar e fomentar o sentido e o pensamento crítico a través dunha obra como é Logos, na que se tratan diferentes temas de vital importancia, como o cambio climático, a contaminación, a falta de auga, a produción desenfreada da evolución, o control da natalidade, modificacións xenéticas e máis temas de actualidade, que é primordial facer chegar ás novas xeracións para crear un sentido crítico coa realidade que hoxe se está a vivir”.

Polín Rodríguez agradeceu ao Executivo Provincial que elixira o seu concello para unha das representacións xa que “con esta obra estaredes a traballar diferentes competencias clave como é a comunicación lingüística, matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía pero todo isto dunha forma máis dinámica, na que o obxectivo é que o pasedes ben ao mesmo tempo que aprendedes”.

A obra de teatro Logos é ciencia ficción. É un exercicio de imaxinación que especula, cun futuro produto do contexto do marketing actual e da globalización. Logos fala da ambición, do sacrificio, do amor, da transcendencia e do medo. Fala de seres humanos que non se conforman, personaxes que coas súas miserias e grandezas defenden a súa individualidade e o seu dereito á diferenza. Esta representación destaca como as TIC, a publicidade, a cultura das marcas e o consumismo, afectan as nosas vidas e condicionan o futuro das persoas. Tratan de reflexar como as relacións persoais e o uso das redes sociais como ferramentas de comunicación, información e investigación poden facer que as persoas estean menos informados e máis illados ca nunca.

0.16448998451233