A Deputación reúnese co Cercud para estudar a recuperación do muíño

TerraChaXa
O Presidente reúnese con directivos do Centro Recreativo, Cultural e Deportivo de Baamonde para estudar novas colaboracións.
31 May 2022

O mandatario provincial supervisou as melloras acometidas xa neste espazo natural co apoio da Deputación para reforzar as mesas e bancos e colocar pasamáns no valado perimetral para xerar un acceso ao recinto a través de portas.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, vén de manter un encontro coa directiva do Centro Recreativo, Cultural e Deportivo (Cercud) de Baamonde na área recreativa deste núcleo, pertencente ao concello de Begonte. Nesta reunión, Tomé Roca trasladou ao colectivo que estudará a posibilidade dunha nova colaboración para a recuperación e posta en valor do antigo muíño situado neste espazo natural de lecer, no que a Deputación vén de investir preto de 3.000 euros para a súa mellora.

O mandatario provincial supervisou as instalacións da zona recreativa acompañado por diferentes membros do colectivo, que manifestaron o seu interese por recuperar o antigo muíño, situado ao pé da zona de baño. Tomé Roca asegurou que a Deputación estudará esa colaboración, para reparar o tellado do inmoble, unha axuda que condicionou a que o colectivo consiga os permisos necesarios da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e "de Medio Ambiente da Xunta, que xa levamos cerca de catro anos coa tramitación", subliñaron dende a directiva.

A iniciativa pretende converter o antigo muíño nun museo etnográfico do pan e completar así a recuperación e potenciación desta zona coa que colaborou a institución provincial para mellorar o seu estado, reforzando as mesas e bancos coa instalación de chantos e colocando pasamáns no valado perimetral para xerar un acceso ao recinto a través de portas.

José Tomé destacou que esta colaboración axudou a potenciar o uso desta zona de lecer, o que contribúe a dinamizar a actividade social na zona, fundamental para poder fixar poboación no territorio.

Este espazo de lecer, o único que se pode atopar na contorna, atópase na Reserva da Biosfera Terras do Miño e en pleno Camiño Norte de Santiago, factores que incrementan o número de visitantes anualmente. O Cercud de Baamonde foi fundado no ano 1978 para a promoción cultural, artística e deportiva en xeral e o fomento de actividades de ocio e tempo libre.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.1742000579834