A Deputación subvenciona a publicación do último premio Xermade na Historia
O presidente da Deputación, José Tomé Roca, e o alcalde de Xermade, Roberto García Pernas, tamén Deputado provincial de Participación Cidadá, asinaron un convenio de colaboración para a impresión do segundo libro do Premio de Investigación Xermade na Historia.
A institución provincial achega 6.000 euros para a edición desta publicación, que recollerá os últimos traballos de investigación galardoados con este premio e que poñen en valor as tradicións, festas, ritos, arte popular, lendas, memoria histórica, costumes, literatura oral, arquitectura e outros aspectos que conforman a historia do municipio chairego.
A Deputación é tamén a única administración que financia a convocatoria do VI Premio de Investigación Xermade na Historia. Este galardón que convoca o Concello de Xermade, a Asociación de Veciños de Cabreiros e a Facultade de Ciencias da Educación da USC promove o estudio e investigación do patrimonio xermadense. O prazo para presentar traballos e optar a este premio está aberto ata o 15 de febreiro de 2020.