A Deputación sumarase á homenaxe ás comisións organizadoras da Moexmu ao longo da historia

TerraChaXa
Os deputados de Rural e Cultura mantiveron un encontro con representantes da entidade para coñecer o desenvolvemento do acto que terá lugar o 21 de setembro
homenaxe-moexmu-comisions-deputacion
Reunión dos deputados cos organizadores da homenaxe
25 Ago 2024

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora no acto de homenaxe da Moexmu ás máis dun centenar de persoas que integraron as Comisións organizadoras, coincidindo co 40 aniversario da Mostra da Exposicións de Muimenta, no concello de Cospeito. O acto terá lugar no propio recinto feiral de Muimenta o vindeiro sábado 21 de setembro a partir das 16:30 h. no que se renderá unha homenaxe aos veciños e veciñas integrantes en todas as Comisións Organizadoras dende a súa orixe.

Os deputados da área de Rural e Cultura, Daniel García e Iria Castro, destacaron a necesidade de agradecer o traballo desinteresado da veciñanza de Muimenta “coa entrega dun detalle na forma simbólica dunha pomba, como elemento identitario da Moexmu dende a súa creación a cada persoa integrante nas Comisións, queremos poñer en valor o esforzo e dedicación de todos e todas os que participaron desinteresadamente dende 1985 na posta en marcha e consolidación do certame como referente da gandería en particular e do rural en xeral para a Terra Chá e para toda a provincia de Lugo”.

Coa participación neste acto, cargado de emotividade e de lembranza, a Vicepresidencia da Deputación renova o seu compromiso de colaboración e participación tanto no propio financiamento da Feira de Mostras como na programación dos contidos. Tamén se leva a acabo o apoio directo ao tecido produtivo primario, a través do programa “Da Escola á Granxa”, ou á promoción dos produtos agroalimentarios de calidade diferenciada, como a colaboración a través de Asoporcel no marco do programa Lugo Agrodinámico.

Na última edición da Mostra, as persoas que se achegaron puideron coñecer a historia do Traxe Rexional con exemplares achegados polo Centro de Artesanía e Deseño (Centrad), de titularidade provincial.

0.31757998466492