A Deputación tentará que o impulso das Reservas da Biosfera se leve a cabo con fondos da Unión Europea

TerraChaXa | LugoXa
La Diputación de Lugo intentará impulsar las Reservas de la Biosfera a través de fondos de la Unión Europea.
Reunión órgano reitor Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses
18 Dec 2021

José Tomé Roca, presidiu este venres os órganos reitores das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses, e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, ambas xestionadas pola institución provincial. Os encontros serviron para realizar os correspondentes balances das actividades realizadas neste ano 2021 e abordar os proxectos de futuro que se van impulsar.

Nestas reunións, que se celebraron durante a mañá e a tarde, Tomé Roca avanzou que “se vai traballar por aumentar o investimento captando fondos da Unión Europea a través do programa de Recuperación, Transformación e Resiliencia habilitado para facer fronte á pandemia”. Explicou que eses fondos servirán para impulsar as dúas reservas con novas actividades e proxectos que poñan en valor o patrimonio etnográfico, monumental e paisaxístico do territorio.

“Penso que temos motivos para estar satisfeitos do traballo que se fixo neste 2021, nun ano que estivo marcado polos actos de celebración do 50 aniversario do programa MaB, Home e Biosfera”, lembrou o mandatario provincial. Detallou, precisamente, que “a estratexia e a filosofía deste programa de compaxinar a defensa do medio ambiente co desenvolvemento social e económico do territorio dunha maneira sostible é a estratexia pola que a pola que apostamos na Deputación, estamos convencidos de que o Medio Ambiente, a nosa riqueza ambiental, ten que ser unha oportunidade de futuro para o rural da provincia de Lugo”.

NOVAS INCORPORACIÓNS
Nas sesións deste venres aprobouse a incorporación de novos membros nos órganos participativos das dúas reservas. No caso da Reserva dos Ancares Lucenses, aceptáronse as solicitudes de ingresos da asociación cultural Lucus Augusti, da asociación Rente ao Couce, a asociación de propietarios de Montes de Piornedo, a asociación de Teitos de Piornedo e a asociación Corripa. E no caso da Reserva de Terras do Miño, entra a formar parte da mesma a asociación Corripa.

COPA ESPAÑA CREATIVA 2022
No caso das reunións da Reserva da Biosfera Ancares Lucenses, e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá reflexionouse sobre a importancia que ten para o territorio que o proxecto de recuperación dos soutos da Deputación resultara gañador na Copa España Creativa 2020 que se celebrou en Orihuela. Isto implicará que a Deputación de Lugo será a encargada de organizar no 2022 unha nova edición do premio e a provincia de Lugo será sede deste galardón que recoñece as iniciativas máis creativas e innovadoras do país para o desenvolvemento sostible do territorio.

Foi recoñecido con este importante premio o traballo delimitación e análise da propiedade dos soutos de castaños antigos situados no ámbito territorial da Reserva, nunhainiciativa desenvolvida en colaboración coa Sociedade Cooperativa A Carqueixa. Deste proxecto resultou unha cartografía actualizada das masas de frondosas autóctonas e o establecemento das bases para a promoción de agrupacións de propietarios, na que cada titular participe proporcionalmente en función da superficie que lle corresponda.

Sobre este asunto, o Presidente explicou que “será unha oportunidade moi grande para promocionar a provincia a nivel nacional e mesmo internacional, tanto a nosa riqueza patrimonial e medioambiental, como cultural ou gastronómica, o que terá un impacto positivo na actividade do turismo e da hostalería durante a propia celebración do congreso e tamén a medio e longo prazo.

De cara ó ano que vén, ademais da Copa de España Creativa, tamén se impulsarán novas actividades de difusión dos valores das reservas de Terras do Miño e Os Ancares Lucenses, para todos os públicos, daranse pasos no procedemento para lanzar as marcas de calidade das reservas, e sacarase de novo a liña de axudas de concorrencia competitiva para o tecido asociativo do territorio.

LIÑA DE SUBVENCIÓNS DA DEPUTACIÓN
Este ano a Deputación de Lugo convocou por primeira vez unha liña de subvencións en concorrencia competitiva para as entidades sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de proxectos de posta en valor do patrimonio natural, cultural e paisaxístico das dúas Reservas. Nas reunións deuse conta de que a institución provincial outorgou un total de 83.000 euros a 23 entidades, saíndo adiante case todas as solicitudes formuladas.

Os proxectos aprobados están encamiñados, entre outros obxectivos, ó mantemento de rutas de sendeirismo, a unha publicación de cociña de cogomelos, un libro dos Ancares en outono, cultivo de centeo, sega e mallega, recuperación dun lavadoiro, iniciativas para a difusión da biodiversidade, accións formativas ou desenvolvemento de obradoiros. Na reunión propúxose celebrar unha xornada aberta ao público no 2022 para presentar todos os proxectos elaborados e postos en marcha.

Así mesmo, informouse de que o ano que vén os Orzamentos 2022 da Deputación de Lugo contemplan a mesma dotación orzamentaria para poder realizar unha nova convocatoria de subvencións en liña de concorrencia competitiva para as entidades: 38.000€ para Ancares Lucenses e 45.000€ para Terras do Miño.

20 ANIVERSARIO DE TERRAS DO MIÑO
O vindeiro ano 2022 cumpriranse 20 anos dende o recoñecemento por parte da UNESCO da Reserva da Biosfera de Terras do Miño, unha efeméride que marca a axenda de accións, actividades e proxectos que se impulsen. A Deputación e os órganos de participación e reitor acordarán un calendario de actuacións para promocionar e defender este territorio, así como para repasar aqueles fitos máis importantes que se sucederon nestas dúas décadas e tamén para construír o horizonte de futuro cara o que este territorio vai traballar.

100 ACTIVIDADES, ACCIÓNS E PROXECTOS
Nas reunións celebradas ó longo da xornada de hoxe tamén se abordaron as actividades realizadas ao longo deste 2021, que se viron condicionadas pola situación sanitaria provocada pola pandemia, pero que se rexistraron preto de 100 actividades, accións e proxectos: 58 na Reserva de Terras do Miño e 38 Reserva de Ancares Lucenses.

Participouse en ambos territorios no programa da Deputación Coñece a túa provincia, unha iniciativa que permitiu amosar e proxectar á veciñanza da provincia de Lugo diferentes puntos de interese das dúas Reservas. Tamén se deron a coñecer as fotografías gañadoras do Concurso de Fotografía en ámbolos dous lugares.

Ademais, repasáronse os proxectos que cada Reserva ten en marcha ou que vén de rematar. No caso da Reserva Terras do Miño, abordáronse iniciativas que se están desenvolvendo para a conservación ambiental e desenvolvemento sostible do territorio financiados pola convocatoria LIFE da Unión Europea. Trátase do LIFE Fluvial, LIFE Lugo+Biodinámico e o Life in Common Land. Ademais, entre outras actuacións, deuse conta da adxudicación dos hortos urbanos da Deputación nos parques do Rato e das actividades de dinamización e aproveitamento que alí se desenvolveron.

Polo que respecta aos Ancares Lucenses, ademais de abordar o recoñecemento da Copa España Creativa 2020, tamén se expuxeron os resultados da edición de libros, participación en feiras e congresos, así como as colaboracións en traballos académicos e sociais.

ÓRGANOS REITORES E PARTICIPATIVOS
Os órganos reitores e participativos das reservas da biosfera que xestiona a Deputación de Lugo teñen como obxectivo o estudo dos instrumentos e actuacións relativas a cada unha das reservas. En concreto, abordan todas aquelas iniciativas que se desenvolven no marco do Plan de Acción da Reserva, así como tamén participan activamente na xeración de novas accións.

O Presidente salientou o traballo que desenvolven estes órganos que están conformados polos diferentes grupos políticos que compoñen a Corporación provincial, representantes dos concellos que conforman cada territorio e tamén de diferentes colectivos e entidades que traballan en cada unha das zonas.

As Reservas da Biosfera son áreas de ecosistemas terrestres, costeiros ou mariños nas que se promove a investigación, a educación ambiental e a sensibilización cidadá. As reservas, promovidas pola Unesco, conxugan a conservación dos recursos naturais co desenvolvemento económico e social das comunidades locais.

0.1430778503418