A Deputación traballa para despexar 6 estradas de Guitiriz afectadas por asolagamentos

TerraChaXa
2 Mar 2020

Os servizos de Xestión Territorial da Deputación de Lugo, que dependen directamente do presidente, José Tomé, traballan en despexar 6 estradas da súa titularidade no concello de Guitiriz que están cortadas debido á caída de árbores e desprendementos de terra que impiden o tránsito de vehículos, logo das choivas e fortes rachas de vento das últimas horas.

As estradas que permanecen cortadas son: LU-P-2306, LU-P-1611, LU-P-2107, LU-P-1807, LU-P-0802 e LU-P-4010. Ao longo da noite despexáronse outras seis estradas provinciais, tamén no concello de Guitiriz, que se viron afectadas pola caída de pólas de árbores e asolagamentos.

Ademais, operarios da Deputación de Lugo traballan nos concellos de Pedrafita do Cebreiro, Folgoso do Courel, A Fonsagrada e Baleira para manter limpas as vías afectadas pola neve que caeu por riba dos 700 metros, cun espesor de 5 centímetros.

O presidente sinala que “estes traballos se están desenvolvendo coa maior rapidez e eficiencia posible, co obxectivo de garantir a seguridade dos usuarios e usuarias destas estradas”.

 

0.14587116241455