A Deputación ultima as obras da praza da Galeguidade de Muras
O mércores arrancará o estendido do formigón, que obrigará ao corte da vía durante 15 días para o remate das actuacións, co que, previsiblemente, cumprirase co prazo de execución establecido, de tres meses.
A Deputación de Lugo ultima as obras de humanización da Praza da Galeguidade de Muras co estendido do formigonado. Esta actuación comezará o vindeiro mércores, 9 de novembro, e alongarase durante 15 días, o que obrigará ao corte da vía durante este período, sempre e cando as condicións meteorolóxicas o permitan. Tendo en conta que os traballos comezaron o pasado mes de agosto, cumprirase co prazo de execución establecido, de tres meses, se todo vai sobre o previsto.
A institución provincial financia integramente con máis de 225.000€ esta actuación, a través dun convenio de colaboración co Concello de Muras. Grazas a estas obras, os veciños e veciñas da localidade contarán cun novo espazo de convivencia, no que terán un maior protagonismo os peóns e que calmará o tráfico da zona.
O proxecto inclúe a configuración dunha única plataforma de pedra e formigón que une as fachadas dos edificios coa Alameda da Praza da Galeguidade, polo que se unifican estas dúas zonas e poderán transitar tanto os vehículos como os peóns. Elimínanse tamén os banzos actuais para mellorar en accesibilidade.
Ademais, esta obra serviu para renovar as subministracións públicas, como a rede de abastecemento de auga, de pluviais, de enerxía eléctrica e de telecomunicacións. Así mesmo, esta zona dotarase de novo mobiliario urbano que ofreza unha maior comodidade para a veciñanza. O último paso será a instalación de luminarias, que se levará a cabo unha vez se remate o formigonado.
Unha vez finalizados os traballos, a rúa Apóstol Santiago modificará a súa actual bidireccionalidade, converténdose nunha estrada de dirección única en sentido ao Concello. Quedará prohibido o acceso á nova contorna dos vehículos que circulen en sentido ao Concello dende a rúa José Ramón Puentes.
O financiamento das obras de humanización da Praza da Galeguidade, que fará deste entorno un espazo público máis amplo, acolledor e accesible, forma parte da liña de colaboración da Deputación de Lugo cos 67 concellos a provincia para que poidan ofrecer máis e mellores servizos e infraestruturas aos seus veciños.
PARTIDO POPULAR
Pola súa banda, o PP de Muras fíxose eco das queixas veciñais e demanda que os traballos se axilicen todo o posible.
Explican que o alcalde, mediante un bando, anunciou no seu momento que no tramo urbano a estrada estaría cortada ao tráfico entre os días 2 e 15 do mes en curso, co fin de levar a cabo os traballos de pavimentación; "ata hoxe non se levou a cabo o corte da vía. Os veciños expresan queixas polo feito de que agora non se sabe cando está previsto reabrir ao tráfico este tramo".
A portavoz popular, María Eugenia Requeijo, sinala que a planificación das obras debe levarse a cabo pensando en reducir ao mínimo os inconvenientes que xeran aos veciños. Neste caso, destaca que son moitas as queixas que causa a maneira en que se levan a cabo os traballos.
Os populares reclaman do Concello que inste á Deputación a acometer as obras tan rápido como sexa posible e da maneira que causen as menores molestias posibles aos veciños.