A Deputación urxe á Xunta un plan de investimentos para a atención ás persoas maiores

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O Pleno acordou este martes reclamarlle ao Executivo galego que se implique economicamente coa Rede de Centros de Atención a Maiores provincial, “pois é a administración que ten as competencias como marca a Lei de Dependencia”.
demencia maiores obradoiro
30 Abr 2024

O Pleno acordou este martes reclamarlle ao Executivo galego que se implique economicamente coa Rede de Centros de Atención a Maiores provincial, “pois é a administración que ten as competencias como marca a Lei de Dependencia”.

O Pleno da Deputación reclámalle á Xunta de Galicia un plan de investimentos específico para a atención ás persoas maiores na provincia de Lugo que contemple a achega económica para sustentar o sistema desenvolvido pola Deputación e impulse as medidas necesarias para reformar os actuais centros que así o precisen e a construción doutros novos. A iniciativa do Goberno saíu adiante estes martes cos votos a favor do PSdeG e do BNG, e en contra do PP.

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, criticou que o pasado 4 de abril a Xunta de Galicia anunciou a súa intención de desenvolver un paquete de medidas dedicadas á construción de novos centros de maiores. Explicou que, segundo a Xunta, o investimento total desta iniciativa suma 18,5M€, que se concretarían en 24 medidas a desenvolver noutros tantos concellos galegos, pero Rivera desmontou este anuncio dos populares. “A Xunta de Galicia repartiu a dedo entre concellos afíns 18,5M€ que son do Goberno do Estado para residencias. Estes son datos obxectivos e sacados da resolución publicada pola Xunta, e non mo poden negar”, afirmou lamentado que a Xunta non explique de onde veñen os fondos. Apoiado en infografías, explicou que deses 18,5M€, máis do 64% vai a unha soa provincia; e dos 24 concellos nos que se vai actuar, 15 están gobernados polo PP, 10 deles en Ourense.

Rivera lamentou que o PP non coñeza a Rede Provincial de Centros de Atención a Maiores que a Deputación ten en funcionamento no rural da provincia de Lugo. “No Partido Popular teñen unha alta capacidade para difundir bulos e mentiras, pero as nosas residencias son públicas e sei que é un tema que lles doe e lles escoce, pero é así. Son públicas”. “Eu creo que é bastante obvio que queiramos que a Xunta se implique no proxecto, non llas queremos entregar, pero ten que exercer as competencias da Lei de Dependencia como se refire no artigo 64. Ten que pagar o que debe”. “Se de algo estou orgulloso é do proxecto de residencias desta Deputación de Lugo”, afirmou ao final do debate da moción.

Desculpas “polas mentiras sobre o Craega"

Así mesmo, tamén saíu adiante unha moción socialista para esixirlle ao voceiro do Grupo Popular na Deputación Provincial de Lugo, Antonio Ameijide Osorio, que rectifique e pida desculpas aos veciños e ás veciñas da provincia e de Monforte de Lemos, así como ao Presidente da Deputación e á Corporación provincial “polas mentiras, as manipulacións e a desinformación sobre os motivos reais do traslado do Craega de Monforte de Lemos a Lugo, xerando un discurso paralelo e inventado”.

A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, apuntou que Ameijide non “dubidou en mentir, manipular e desinformar para tratar de quitar rédito político a partires dun problema que creou o propio Partido Popular en colaboración co presidente do Craega, Francisco López Valladares”. Afirmou que tanto a Deputación coma o Concello de Monforte actuaron sempre “con lealdade, transparencia e respecto á verdade. O certo é que as esixencias ao redor do uso exclusivo do Pazo de Tor foron só a cortina de fume deseñada a posteriori coa que se tentou agochar e obter rédito político dunha decisión tomada de antemán, de costas ao Concello, co visto e prace do ex Conselleiro do Medio Rural e da propia voceira do Partido Popular en Monforte. Sempre con criterios partidistas a prol do PP e de costas ás necesidades reais dos produtores ecolóxicos da provincia de Lugo e de Galicia”.

García Porto lembrou as contradicións nas que caeron os populares a respecto deste asunto, “a pesar de que cada día estaba máis acreditado que a Deputación non tiña ningunha responsabilidade nin tomara ningunha decisión que puidera facer marchar ao Craega de Monforte, senón todo o contrario”. “A Deputación sempre apoiou dende a súa constitución ao Craega, propoñéndolle outras edificacións válidas e tamén ofrecendo a mellora das instalacións”.

“Ameijide, agardo que nun futuro atenda máis á verdade e menos ao bulo demagóxico”, apuntou a socialista, quen defendeu que o seu grupo non vai deixar nunca de apostar pola lealdade institucional, tanto no trato entre administracións como nas relacións co resto dos axentes sociais. Transparencia, respecto e colaboración son as ferramentas que precisamos para facer avanzar a provincia. Rexeitamos a deslealdade, a mentira ou a terxiversación dos feitos como axentes empobrecedores do debate político e da xestión que todos temos encomendada a prol da nosa provincia”, manifestou García Porto.

O BNG reclama máis garantías para ditaminar o baleirado sanitario das granxas e maiores indemnizacions para as gandeirías afectadas

O BNG reclama á Xunta de Galicia que esgote todas as vías de control e estudo das granxas antes de ditaminar o sacrificio de todas as reses por tuberculose bovina e que, en caso de confirmarse esa diagnose, incremente as indemnizacións ás gandeirías.

Así se recolle na moción presentada e aprobada este martes no pleno provincial da Deputación de Lugo, onde o deputado provincial e responsable de Rural Daniel García puxo de manifesto que as compensacións económicas actuais “son totalmente insuficientes”.

O deputado explicou que nin as axudas para reposición dos animais sacrificados nin a compensación por lucro cesante teñen o importe suficientes para empezar de novo, tendo en conta que que “as granxas tardan unha media de dous anos en volver funcionar a pleno rendemento” e advertiu que este tipo de situacións “poden acabar co traballo e cos aforros de toda unha vida investida nunha granxa, desalentando o relevo xeneracional e incrementando o abandono da actividade agrogandeira”.

A moción, aprobada malia a oposición do Partido Popular , tamén insta á Xunta de Galiza a retomar o saneamento gandeiro anual no caso do gando vacún, como método preventivo polo incremento das amezas por infección de enfermidades derivadas do cambio climático.

No decurso do debate, Daniel García tamén reclamou a Xunta de Galicia “destinar os medios humanos suficientes para a revacinación contra a lingua azul e a febre hemorráxica epizoótica, que se está a demorar causando graves repercusións para as gandeirías, que teñen os animais inmobilizados sen posiblidade de seren vendidos.

Estado palestino

A Deputación de Lugo urxe ao goberno do Estado a recoñecer Palestina como Estado, a iniciativa do BNG. A moción presentada pola formación nacionalista aprobouse por unanimidade no pleno provincial deste martes.

“Somos conscientes de que un acordo deste pleno non vai por fin á masacre en Gaza, pero sitúa esta institución do lado das persoas que se están mobilizando, en distintos puntos da provincia e de Galiza, por un alto ao fogo permanente. Nin as institucións nin a sociedade podemos darlle as costas a un xenocidio que está sendo televisado”, defendeu a deputada Iria Castro.

A deputada nacionalista lembrou a “situación humanitaria límite” que viven Gaza, onde, en contra do dereito internacional, Israel está empregando “a fame como arma de guerra” e sostivo que “é necesario dar pulo ao recoñecemento de Palestina como Estado e avanzar na mellora da situación humanitaria para que se poida dar a única solución posible ao conflicto, a de dous estados que negocien en igualdade de condicións”.

0.20186185836792