A Deputación volverá convocar os premios á hostalaría e o turismo
Lugo Cambia ao turismo lucense e ...E para comer, Lugo á gastronomía lucense “poñen en valor e visibilizan o traballo e a calidade do sector turístico na provincia de Lugo, nun momento no que o apoio é especialmente importante porque son dos sectores máis afectados polas restricións sanitarias”, subliñou a voceira socialista do Goberno.
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres as bases e a convocatoria da segunda edición dos premios Lugo Cambia ao turismo lucense e ...E para comer, Lugo á gastronomía lucense, tal e como anunciou a voceira provincial socialista e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto.
“Estes premios son unha medida máis que impulsamos dende a Deputación de Lugo para apoiar, poñer en valor e visibilizar o traballo e a calidade dos sectores turístico e hostaleiro da nosa provincia, algo especialmente importante nestes momentos porque estes establecementos foron os que sufriron especialmente o impacto das restricións sanitarias pola pandemia”, subliñou a Deputada.
García Porto destacou que “a diferencia do ano pasado e, por petición do propio Consello Provincial de Turismo, nesta edición poden presentarse as candidaturas a título individual ou por unha terceira persoa co consentimento expreso do candidato ou candidata”. A candidatura pode ser presentada por persoas físicas ou xurídicas, institucións e entidades públicas ou privadas, asociacións e colectivos sen ánimo de lucro que teñan repercusión positiva no turismo e na gastronomía a nivel provincial ou nunha zona específica.
O Consello Provincial de Turismo actuará como xurado nunha sesión extraordinaria e nomeará tres premios por categoría, que serán entregados nun acto público, sempre que a situación sanitaria o permita, o vindeiro 27 de setembro, coincidindo co Día Internacional do Turismo. As bases serán publicadas nos vindeiros días no Boletín Oficial da Provincia.