A Deputación xera outros 45 novos empregos para lucenses no paro
O presidente da Deputación en funcións, Darío Campos Conde, informou que a Xunta de Goberno resolveu a contratación de máis veciños desempregados, que comezarán a traballar en colectivos da provincia para reforzar a súa actividade social. Son 45 veciños que estaban no paro os que retoman a súa actividade laboral en 31 colectivos sociais a través do Tecendo Emprego.
Campos Conde explicou que “dotamos a este plan de 1 millón de euros para asumir todos os custos laborais destes novos traballadores durante un ano con axudas de entre 18.000 e 24.000 euros. Trátase dun plan que xera emprego directo na provincia, favorecendo ás persoas con máis dificultades á hora de atopar traballo, ao tempo que contribúe ao desenvolvemento dos proxectos dos colectivos sociais da nosa provincia”.
Deste xeito, dos 45 veciños contratados o 50% son mozos de entre 18 a 35 anos sen experiencia laboral; o 40% lucenses de entre 30 e 50 anos e o 10% son maiores de 50 anos. Os perfís, que son os que demandan os colectivos sociais, son variados, aínda que moitos deles están relacionados co ámbito social debido ao traballo que van desenvolver. Por exemplo: terapeutas ocupacionais, educadores sociais, traballadores sociais, técnicos de orientación laboral, psicólogos, mestres, responsables de programas de inserción laboral; así como administrativos, guías de museo e mesmo peóns.
Algúns dos colectivos nos que traballarán son: Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña, ACADAR, ALUME, Cruz Roja, COGAMI, Fundación Juan Soñador, ALIAD, Raiolas, AMEIS, AGORA, FADEMUR, EDEIDADES, Colexio de Educación Especial Santa María, Asociación Provincial de Centros de Formación, Asociación Provincial de Empresarios da Primeira Transformación da Madeira, Fundación do Ferrocarril, Fundación Uxio Novo Neira...entre outros
O presidente destacou que “co Tecendo Emprego, son un total de 2.033 novos postos de traballo os que levamos xerado na provincia durante este mandato, investindo 29 millóns de euros en programacións de xeración directa de emprego e convertendo á Deputación na institución que lidera estas políticas na provincia de Lugo”.
“Os plans que puxemos en marcha destacan polo seu marcado carácter social e por encaixar a oferta de emprego na provincia coa demanda. Fixemos que a Deputación de Lugo fose premiada por ser a primeira institución de Galicia que ofrece plans de emprego específicos para persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión social. O noso traballo foi recoñecido por colectivos como COGAMI, ANADE ou a ONCE”.
“A media de inserción laboral das nosas programacións é do 35%. Hoxe centos de lucenses continúan nos seus postos de traballo aínda que rematase o período subvencionable da Deputación. Demostramos con feitos que somos unha Deputación coas persoas, social e rural, postos todos estes contratos se fixeron en empresas e entidades dos 67 Concellos da provincia”.
“E isto é o que seguiremos a facer. Contamos xa con fondos para un plan de emprego xuvenil no rural e queremos avanzar nun plan de choque, no que pretendemos sumar esforzos dende Deputación, Concellos, empresas e colectivos para ofrecer novos traballos en zonas rurais. O que buscamos é que persoas que estean no paro atopen traballo nos Concellos e que as administracións contribuamos ao seu asentamentos nos municipios. Por exemplo, ofrecéndolles facilidades para o aluguer de vivendas. Hai Concellos, como por exemplo o de Guitiriz, que conta con edificios municipais rehabilitados como vivendas”, adiantou.