A deputada Concepción Burgo urxe á Xunta a corrixir a falta de pedriatras en Abadín
A deputada socialista Concepción Burgo denunciou a “desatención” que sofren os 107 nenos que residen en Abadín, aludindo a que unicamente reciben atención pediátrica un día á semana durante dúas horas e nin sequera a cargo dun especialista en pediatría, senón dunha médica de familia.
O resto dos días, como explicou a parlamentaria do PSdeG, teñen que acudir a Vilalba, a unha distancia duns 20 minutos en coche, o que supón para moitas familias “unha penalización” e “unha discriminación cunha atención claramente escasa” para os seus fillos e as súas fillas.
“É inadmisible”, subliñou Concepción Burgo, quen xa rexistrou distintas iniciativas parlamentarias para urxir á Xunta a corrixir esta situación. De feito, recordou que mentres Feijóo “publicita a lexislatura do rural” e “fai propaganda da lei de impulso demográfico”, a ausencia de servizos está a acelerar o despoboamento do interior.
“Ningunha lei pode paliar os efectos da perda de poboación se o goberno non pon en marcha servizos sanitarios de calidade”, incidiu a socialista, que acusou á Xunta de “impedir vivir con normalidade” no rural.
Así pois, Concepción Burgo reclamou á Xunta de Feijóo que “poña remedio” a esta situación, tanto polo número de horas no que reciben atención os nenos de Abadín como polo feito de que nin sequera o faga un pediatra.