“A directiva formámola 5 mulleres que estamos entusiasmadas co proxecto”
Estes últimos meses antes do verán púxose en marcha unha nova asociación veciñal e cultural, nesta ocasión na parroquia de Saldanxe. Nacen co nome de Amuruxe e unha das primeiras accións foi convocar un concurso de fotografía, que chegou ao seu final este sábado na presentación do colectivo á veciñanza, que foi eses mesmo día na escola da localidade. houbo pinchos, gaitas e algunha sorpresa para amenizar a velada, pero o obxectivo final é incentivar aos veciños a veciñas a unirse ao colectivo.
Eva López é unha das directivas da asociación que nos fala deste comezo.
Como xurde a idea de facer a asociación?
A Asociación nace a partir da xuntanza de mulleres, celebrada en abril na Escola de Saldanxe. Aquela reunión foi tan emocionante e todas desfrutamos tanto que empezaron a xurdir voces a favor da creación dunha asociación de mulleres do pobo. Así que nos puxemos man á obra e a partir de setembro queremos comezar coas distintas actividades, xuntanzas, viaxes … e todo aquelo que nos permita o noso orzamento.
Non é esta a primeira vez que hai unha asociación no pobo.
Non foi a primeira asociación, xa que, ao redor, desta aldea hai outras asociacións que foron pioneiras neste tipo de xuntanzas, como Lema de Rigueira.
E este nome de onde sae?
O nome da asociación que, curiosamente, moita xente nos pregunta xa que gustou moito, simplemente xurde de xogar coas sílabas de Saldanxe, collendo, neste caso, a última sílaba. Entón sería: A de asociación, MU de mulleres, RU de rural e XE de Saldanxe; dándonos Amuruxe.
Quen forma parte desta directiva inicial?
A directiva formámola cinco veciñas da aldea, que formamos un gran equipo e que estamos entusiasmadas co proxecto pola gran implicación de tódalas mulleres. Así é moi fácil que este proxecto salga adiante. A directiva formámola: Divina Serén, Isa Luna, Susana Iglesias, Mónica Leivas e Eva López. Ademais, contamos xa con 50 socias, que nunha aldea tan pequena, as veces é que non damos crédito das ganas que teñen de colaborar con nós.
Que actividades teñen previsto?
En canto ás actividades, imos comezar con obradoiros artesanais; charlas ou algunha festa temática, co obxectivo de ir tentando o que pode gustar máis e, a partir de aí, xa centrarnos en desenvolver as ideas que teñan máis acollida. A primeira actividade xa a temos en marcha, é consiste nun concurso de fotografía para subliñar e potenciar o valor da nosa aldea. Recalcando, de novo, a alta participación dos nosos veciños.
Que obxectivos perseguen?
En canto aos obxectivos da nosa asociación, baséanse nun decálogo que sería, primeiro, observar o mundo que nos rodea; sentir novas sensación; respirar novos aires; compartir experiencias; admirar e pensar en positivo; descubrir aprendendo; escoitarnos; mimarnos e desfrutar a tope.
Como foi esta primeira convocatoria?
A posta en largo foi o día 2 de agosto. Tivemos pinchos, música, o gañador do concurso de fotografía co seu premio e un detalle que lle tíñamos preparado e, sobre todo, tivemos moitas sorpresas. Tamén dimos o premio á mellor foto do concurso, que foi para O Paporrubio. Tíñamos moitas ganas de que acuda a xente, porque creo, desde logo, que se foron con bo sabor de boca.
Como se pode facer un socio?
Quen se queira facer socio pode poñerse en contacto con calquera das rapazas da directiva, a cota é de 20 euros anuais e só necesitamos o carné en cor.