A entrega dos premios Trapeiro de honra e As Vilariñas celébrase mañá
A Asociación Sociocultural Lareira de soños dos Vilares entregará este sábado o Premio Trapeiro de Honra 2019 que este ano coincidirá coa da III edición do Certame Vilariñas de micro poesía. Ambos serán ás 19:00 na Casa Habanera de Guitiriz.
Este ano a persoa distinguida será Sara Veres Vázquez, coñecida tamén como Sara das Reixas ou Sara de Camilo, muller emprendedora en tempos nada doados que viviu desde ben pequena a experiencia da emigración e que foi taberneira, tivo mercería e foi tamén unha grande bordadora, mestra de outras moitas que viñeron despois.
Sara, cruzou o Atlántico con meses cara a Cuba cos seus pais. Era o ano 1925. Regresaron de novo á casa aos catro anos e Sara era unha nena cubana que na aldea lle facían falar, porque lles daba moito gusto oíla.
Nas edicións anteriores foron recoñecidos José María Díaz Castro (a título póstumo), Romaría Labrega da Chaira, o músico José Díaz Pepe de Cristos, a Labrega Asunción Lobeiras Asunción dos Ares e o emigrante Raúl Río.
VILARIÑAS
Na III edición do Certame Vilariñas, o primeiro premio corresponde á viguesa con orixes en Begonte Beatriz Coira Ríos, o segundo ao berciano Manuel González Prieto e o terceiro á arousana Ana García Rivas. Este tres gañadores faranse coa fermosa figura deseñada pola artista Viki Rivadulla, pezas únicas feitas a man que conforman a imaxe deste concurso cada día máis popular.
Nas edicións anteriores, gañaron as Vilariñas Andrea Araújo Alonso de A Guarda, Pedro Rielo Lamela de Pontevedra, Toño Núñez, de Navia, Beatriz Dourado de Lugo, Mila Villanueva de Valencia e Cris Amoedo de Vigo. Nesta edición, as tres Vilariñas irán a Vigo, O Bierzo e Vilagarcía.
O apartado poético-musical correrá por conta do grupo chairego Corredores de Sombra.
Despois dos actos, teremos a tradicional cea Vilariña.