A escola de Carballido reúne a máis dun cento de antigos alumnos nunha xuntanza
Este sábado 11 de xaneiro, a partir das 15:00 horas, terá lugar un xantar especial na histórica Escola Habanera de Carballido, organizada pola Asociación de Veciños Galopíns de Carballido. O evento reunirá a máis de cen ex-alumnas e ex-alumnos que estudaron nesta emblemática escola durante os anos nos que estivo en funcionamento, desde finais dos anos 20 ata principios dos 80.
A escola, que foi unha iniciativa da Sociedad de Instrucción y Recreo de los Jóvenes de Santa María de Carballido, constituída na Habana en 1920, xogou un papel clave na educación da zona durante décadas. A súa actividade cesou co inicio das clases no CEIP Terra Chá de Román, que provocou o seu desuso.
O evento é exclusivo para antigas alumnas e alumnos, e destaca a participación confirmada dunha das ex alumnas máis maiores, de 93 anos. Esta xuntanza promete ser un emotivo reencontro entre persoas que compartiron formación e vivencias nun espazo de gran valor histórico e cultural para a comunidade.