A Escola de Música de Guitiriz abre novo prazo de matrícula
A actividade de iniciación musical para nenos e nenas de entre 3 e 7 anos será gratuíta durante todo o curso.
A Escola de Música Municipal de Guitiriz abre a súa matrícula para este curso 2023/2024.
O centro brinda un ano máis unha ampla oferta coas actividades de iniciación musical (de 3 a 7 anos), instrumento e linguaxe musical (a partir de 8 anos), banda municipal, agrupación moderna, grupo municipal de gaitas e agrupacións para adultos.
O importe para os empadroados e empadroadas en Guitiriz é de 30 euros e para os non empadroados de 40 euros. Ademais, a clase de iniciación musical será gratuíta durante todo o curso.
As inscricións poden realizarse desde hoxe, 14 de setembro, ata o mércores 27 deste mesmo mes a través do Concello, tanto de forma presencial como pola sede electrónica. Para a súa formalización hai que entregar a solicitude de matrícula debidamente cuberta, xustificante de pago da matrícula e a certificación bancaria co número IBAN completo para domiciliar os recibos do curso, onde o titular de conta ten que coincidir co solicitante da matrícula maior de idade, alumno/a ou pai/nai do alumno/a.