A Escola de Música de Robra acolle un curso de música e movemento para a infancia

A Escola de Música de Robra, no concello de Outeiro de Rei, acollerá o vindeiro sábado 21 de febreiro un curso de música e movemento dirixido ao público infantil, cunha proposta educativa centrada na escoita, o xogo, o movemento e a creación musical.
A actividade está concibida como unha mañá para aprender música dun xeito lúdico e participativo, combinando contos musicais, bailes, expresión corporal, xogos sonoros e unha primeira aproximación á linguaxe musical. O obxectivo é favorecer o desenvolvemento musical e creativo da infancia a través do corpo e da experimentación, adaptando os contidos ás diferentes idades.
O curso estrutúrase en tres sesións horarias: de 10.00 a 11.00 horas para música e movemento en infantil, de 11.00 a 12.00 horas para música e movemento en primaria, e de 12.00 a 13.00 horas para a iniciación á linguaxe musical. As clases serán colectivas e cunha duración dunha hora.
A formación será impartida por Mónica López Cerqueira, docente especializada en educación musical, e está aberta tanto ao alumnado da escola como a participantes externos. O prezo da actividade é de 10 euros para o alumnado da escola e de 15 euros para alumnado externo.
Con esta iniciativa, a Escola de Música de Robra reforza a súa aposta pola educación musical temperá, promovendo unha aprendizaxe baseada no xogo, o movemento e a participación activa das nenas e nenos.