A Escola de Pino acollerá un obradoiro de teatro aberto a todas as idades a partir de xaneiro

A Asociación Cultural de San Martiño de Pino porá en marcha un obradoiro de teatro aberto a persoas de todas as idades que se desenvolverá no Local Social da Escola de Pino a partir do vindeiro 10 de xaneiro. A actividade terá carácter periódico e celebrarase os sábados cada quince días, en horario de 13.00 a 14.00 horas.
O obradoiro estará impartido por Esther Travieso e pretende ofrecer un espazo de aprendizaxe e expresión artística accesible a toda a veciñanza, fomentando a creatividade, o traballo en grupo e o achegamento ao teatro como ferramenta cultural e social.
En canto ao custo da actividade, a cota mensual será de 5 euros para as persoas socias da asociación organizadora, mentres que as non socias deberán aboar 10 euros ao mes. Desde a entidade promotora animan á participación de público de todas as idades, destacando o carácter aberto e inclusivo da proposta.
Con esta iniciativa, a Asociación Cultural de San Martiño de Pino continúa ampliando a súa oferta de actividades culturais e formativas, reforzando o papel do Local Social da Escola de Pino como espazo de encontro e dinamización cultural da parroquia.