A escola dos Vilares celebrou o centenario da súa inauguración

TerraChaXa
A escola dos Vilares celebrou o pasado sábado 9 de decembro o centenario da súa inauguración nunha xuntanza á que acudiron un gran número de persoas.
aniversario escola os vilares
10 Dec 2023

A escola dos Vilares celebrou o pasado sábado 9 de decembro o centenario da súa inauguración nunha xuntanza á que acudiron un gran número de persoas. O acto foi celebrado na propia escola e deu comezo ás catro da tarde. Ao longo de toda a xornada os participantes puideron desfrutar de obradoiros de regueifas, exposicións de fotos antigas do Vilares así como tamén cunha actuación musical dos Trapeiros dos Vilares. Para rematar a xornada os asistentes puideron desfrutar dun chocolate para todos.

Foi en setembro de 1923 cando esta escola abriu as súas portas para todos os nenos e nenas e, ao atoparse ben situada, este primeiro curso de 1923/1924 o mestre Manuel Cordeiro rematou dando clase a máis dun cento de rapaces.

A construción da escola deu os seus primeiros pasos no ano 1912 cando o presidente da asociación Vilares y su Comarca, Manuel Cancelo, firmou un contrato con Gregorio Díaz e outro canteiros para comezar a cortar pedras no Monte do Viso. Este primeiro contrato supuxo un gasto de 1250 pesetas. Os gastos da construción da escola foron sufragados grazas ao diñeiro que mandaron os emigrantes organizados na asociación Vilares y su Comarca que ademais de contar con emigrantes vilaregos tiñas entre os seus socios a emigrantes nados en Santa Cruz, Buriz, Labrada, San Breixo, Aranga, Momán, Belesar, Muras, As Pontes ou en Ortigueira, que apoiaron solidariamente esa tarefa.

Manuel Cancelo Freire, natural da aldea de Ramos, contaba nos Vilares coa colaboración do crego da parroquia, Ramón López Otero, que foi quen mercou o terreo. A pesar de que nun primeiro momento a escola ía ser construída en Ramos, a aldea dos Vilares era na que mais nenos había daquela, e foi Ramón o que pensou en facela no mais céntrico da parroquia e ao lado da igrexa.

A obra para a construción da escola supuxo unha inversión de 8907,23 pesetas e unha vez rematado o edificio o crego deu conta de todo o diñeiro gastado na súa construción á Sociedade Villares y su Comarca, creando, o 8 de xaneiro de 1933, un Consello de Administración que a dotara dos medios necesarios para o seu funcionamento.

Despois de Cordeiro, pasaron por esa escola mestres como Vicente Fabregat, Anxo Rodríguez, Agapito Bustos, Eduardo Rodríguez, Uxío Pedreira, Xustino Rivera, Rosa e Andrés Pérez Carballeira, que a partir de 1933 viviu coa súa señora e as fillas na escola da Conchada, ata que unha doenza cardíaca o apartou da docencia a principios do curso 1968-1969.

Unha vez que o edificio da escola deixou de albergar nenos e docencia comezou a servir como espazo para uso e desfrute de todos os veciños dos Vilares. Nos comezos a escola era propiedade da parroquia pero na actualidade este edifico é da titularidade do Concello por iso a asociación de veciños solicitou de novo a propiedade da escola para a parroquia.

Agora que cumpre os cen anos esta escola que tantos recordos garda compre ser renovada. Lousala e poñela en valor; quitarlle o recebo e deixar á vista a beleza das pedras do Monte do Viso, poñerlle unhas portas e unhas fiestras apropiadas para tornar a humidade e que siga sendo un espazo de reunión e encontro veciñal.

aniversario escola os vilares guitiriz 2
0.2077841758728