A Escola Habaneira de Goiriz acollerá unha charla sobre a xestión do duelo

A Escola Habaneira de Goiriz será o escenario, o sábado 29 de novembro ás 16:30 horas, dunha charla titulada Xestión do Duelo, unha proposta dirixida a abordar os procesos emocionais que xorden tras cambios significativos na vida. A perda dun ser querido, unha ruptura, un cambio laboral ou o peche dunha etapa son situacións que poden desencadear un duelo natural, lonxe de ser un sinal de debilidade, e que require comprensión e acompañamento.
A actividade, organizada en coordinación co Grupo Forma-T, estará impartida pola recoñecida traballadora social Rocío Rey. O encontro pretende ofrecer ferramentas prácticas e apoio profesional para afrontar estas transicións, ademais de crear un espazo seguro no que cada persoa poida avanzar ao seu propio ritmo e compartir experiencias sen presións.
As inscricións poden realizarse a través do teléfono 694 480 525, en contacto con Flor, ou mediante calquera membro da directiva da Asociación de Veciños de Goiriz. A organización destaca que se trata dunha charla na que, dalgún xeito, todas as persoas poden sentirse identificadas nalgún momento da súa vida.