A Escola Habanera continúa a celebración do seu centenario
A Escola Habanera de Guitiriz continúa coa programación especial para conmemorar o centenario da súa apertura. O vindeiro venres, 20 de setembro, realizarase un programa especial de radio, na biblioteca municipal. Será un espazo cheo de historia e anécdotas no que participarán voces que deixaron pegada na institución.
O programa gravarase en horario de 12:00 a 14:00 horas na propia Escola Habanera e terá as portas abertas para calquera interesado en acudir como público. Tras o programa celebrarase un convite cubano a partir das 14 horas no que haberá varios pinchos, da man da empresa Iberik Guitiriz, e unha actuación a cargo do grupo SonBoleros.
O acto forma parte da programación especial do Concello de Guitiriz para celebrar o centenario da apertura de portas da Escola Habanera, un dos edificios máis emblemáticos e importantes do municipio.