A Escola Infantil de Vilalba admite todas as solicitudes de comedor, 5 máis que o ano pasado

TerraChaXa
Atenderá na vindeira anualidade a 44 alumnos e alumnas que renovaron a súa praza e 26 escolares de novo ingreso
comedor-escola-infantil-vilalba
Comedor da escola
6 Xul 2024

O Concello de Vilalba amplía, unha vez máis, o servizo de comedor da Escola de Educación Infantil para atender o total de solicitudes presentadas polas familias. De tal forma que no vindeiro curso, 2024/2025, se prestará o servizo a 70 escolares, 5 máis que no remate da pasada anualidade.

O servizo de comedor, posto en marcha polo goberno local de Vilalba hai tres cursos escolares, atenderá na vindeira anualidade a 44 alumnos e alumnas que renovaron a súa praza e 26 escolares de novo ingreso. O que suporá un custe total de máis de 91.000 euros, sufragados mediante a achega económica do Concello, a Xunta de Galicia e as taxas que corresponden a cada familia en función da renda per cápita.

Nesa liña, o servizo é totalmente gratuíto para unidades familiares cunha renda familiar anual inferior a 7.000€ e ten un custe diario de 1, 2'50 ou 4'50 euros dependendo do baremo no que de renda anual no que se atope a unidade familiar.

Con esta medida, dende o goberno local pretenden "ofrecer a todas as familias que o necesitan a posibilidade de conciliar e así contribuír a alixeirar as problemáticas que estas poidan sufrir á hora de combinar a súa vida laboral e familiar", explicou a alcaldesa e concelleira de servizos sociais, Marta Rouco.

Pola súa banda, a concelleira de Educación, Paula Vigo, asegurou que se trata "dun servizo público básico ademais de ser un servizo educativo complementario que constitúe un instrumento imprescindible para contribuír á conciliación das familias".

Os menús estarán elaborados atendendo ás condicións dietéticas, sanitarias e hixiénicas esixidas para atender ás necesidades nutricionais dos usuarios/as do servizo.

0.17192697525024