A Escola Municipal de Danza das Pontes actuará no Teatro Colón este venres

TerraChaXa
Subirá ao escenario coa súa última produción, 'JOTHAM. A cidade do Jóker', inspirada no universo do Jóker.
escola-de-danza-as-pontes
8 Apr 2026

Este venres, 10 de abril, ás 20:30 horas, a Escola Municipal de Danza do Concello das Pontes subirá ao escenario do Teatro Colón coa súa última produción, JOTHAM. A cidade do Jóker, inspirada no universo do Jóker.

O espectáculo transporta ao público a unha cidade onde cada esquina garda misterio e cada sombra agocha unha historia. A montaxe combina danza clásica e baile moderno, rendendo homenaxe tanto ao cómic como ás adaptacións cinematográficas do personaxe. JOTHAM presentouse anteriormente nas Pontes nos meses de xuño e decembro de 2025, acadando unha excelente resposta do público.

A escenografía, a iluminación e o son crean un espazo inmersivo, no que cada xesto e movemento busca mergullar á audiencia nunha experiencia cargada de emoción e tensión. A colaboración de Teatro o Catre reforza o carácter multidisciplinar da produción.

O director da escola, Jaime P. Díaz, sinala que “detrás deste espectáculo está o esforzo dun equipo que fai posible que a imaxinación cobre vida: profesorado, persoal técnico, alumnado e familias traballando de forma conxunta. Cada función é unha experiencia colectiva, unha invitación a explorar, sentir e emocionarse nun universo onde a creatividade e a paixón se atopan”.

Desde o Concello destacan que “é un orgullo ver como máis de 130 alumnas e alumnos levan o nome das Pontes a un escenario como o Teatro Colón. Este espectáculo reflicte o talento, o esforzo e a dedicación dunha escola que non só destaca polo seu nivel artístico, senón tamén polos valores de compromiso e participación que transmite”.

Actualmente, a Escola Municipal de Danza conta con máis de 200 alumnas e alumnos, con idades que van dos 5 anos aos máis de 60, e destaca polo seu alto nivel artístico e o compromiso do alumnado e do equipo docente. O grupo que participará nesta función está formado por máis de 100 bailarinas e bailaríns de entre 10 e 60 anos.

Dende a Escola Municipal de Danza e Baile Moderno das Pontes subliñan a importancia formativa e inclusiva da escola e de que o alumnado teña a oportunidade de actuar en distintos escenarios: “Cada persoa contribúe ao noso proxecto, construíndo un espazo onde a danza, o compromiso e a paixón se atopan. Actuar fóra da escola, diante de novos públicos, permite ao alumnado crecer, experimentar e mostrar o seu talento, ao mesmo tempo que reforza a conexión coa comunidade. Sentimos moito orgullo do talento e da dedicación que vemos cada día no noso alumnado”.

O goberno local coincide na relevancia desta actividade, destacando que iniciativas como esta contribúen a dar visibilidade ao traballo da Escola Municipal de Danza e a reforzar a proxección cultural do municipio en Galicia.

0.11925101280212