A Escola Municipal de Música de Burela celebrará o Día Mundial da Música con dous concertos
O vindeiro mércores, 19 de xuño, a Escola Municipal de Música de Burela celebrará xunto cos colexios de primaria da localidade o Día Mundial da Música. Iniciado en Francia en 1982 como Festival de Música e establecido como celebración europea en 1985 (Ano Europeo da Música), cada solsticio de verán o 21 de xuño a Unión Europea celebra un día dedicado a promover o intercambio cultural entre os pobos.
Segundo o director da Escola Municipal de Música de Burela, Xan Carballal, “o seu obxectivo é promover que se organicen concertos na rúa, independentemente do seu estilo ou orixe, polo que se invita a todo o mundo a colaborar neste evento”. E engade que “aínda que o día oficial estableceuse o 21 de xuño, para non coincidir co remate do curso escolar, os organizadores creron adecuado trasladalo ao 19 para que puideran participar os centros de ensino”.
Os actos iniciaranse ás 12.00 horas na Praza da Mariña coa interpretación de dúas cancións executadas conxuntamente por alumnos dos Ceips Vista Alegre, Virxe do Carme e a Escola Municipal de Música.
A celebración continuará cun concerto ofrecido pola Escola de Música ás 20.00 horas no Auditorio da Casa da Cultura onde actuarán as distintas agrupación: a Banda, a Orquestra, Coro, Grupo de Jazz, de Rock, agrupacións infantís, etc.