A escritora Marisa Castro Cerceda presenta nas Pontes a súa novela 'Soño de liberdade'

A Biblioteca Municipal Enrique Rivera Rouco acollerá este venres, 12 de decembro, ás 19:30 horas, a presentación da novela Soño de liberdade, da autora Marisa Castro Cerceda. A escritora visitará As Pontes para explicar os detalles da súa nova obra, unha historia ambientada no rural galego que afonda na loita pola dignidade, a resistencia fronte á pobreza e as limitacións impostas ás mulleres nas décadas do racionamento.
A obra relata a vida de Sabela Couto Roriz, unha muller que, nun tempo marcado polo autoritarismo e pola escaseza, enfróntase ás dificultades para seguir o seu propio camiño e conquistar a liberdade persoal. Desde a organización destacan que a presentación será unha oportunidade para dialogar coa autora e coñecer máis profundamente unha novela que pon en valor a memoria e a fortaleza das mulleres galegas.
A autora estará acompañada por Elena López, concelleira de Turismo.