A Esmuvi e a Minibanda rematan o curso cunha fin de semana de concertos
A Asociación Cultural Escola de Música de Vilalba (Esmuvi) pechará o curso esta fin de semana con dous recitais que se celebrarán o venres 16 ás 19:30 horas e o sábado 17 ás 20:30 horas, ambos no Auditorio Municipal Carmen Estévez da capital chairega.
O venres será a quenda do alumnado de iniciación, frauta, clarinete, trombón, bombardino e piano; mentres que o sábado actuarán os intérpretes de trompeta e saxofón, ademais dos de guitarra, que se repartirán entre os dous días.
Asemade, o sábado ás 13:00 horas celebrarase no Centro Cultural e Recreativo (CCR) unha actuación da Minibanda, proxecto conxunto coa Banda de Música de Vilalba, e tamén actuará parte do alumnado de percusión, guitarra e iniciación da escola.
Semanas intensas para a Minibanda
Ademais do concerto deste sábado, a agrupación dirixida polo mestre Dani Veiga afronta con intensidade as últimas semanas deste curso, con dúas importantes actividades.
Do 26 ao 30 de xuño boa parte dos seus integrantes, xunto con alumnado chegado doutras escolas da contorna, participarán na primeira edición do MiniBandCamp, un campamento cheo de música, xogos e diversión organizado polas dúas asociacións anteriormente citadas e que culminará cunha actuación o venres 30 ás 13:00 horas do mediodía na Praza da Constitución.
Xusto un día despois de rematar esta iniciativa, o sábado 1 de xullo, a Minibanda participará na súa primeira gran cita lonxe de terras vilalbesas, nada menos que no VI Festival de Bandas Infantís e Xuvenís de Galicia que se celebrará na Cidade de Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela.
Inscrición aberta desde este venres
Pola súa banda, desde Esmuvi tamén aproveitan para anunciar que desde este venres 16 de xuño está aberto o prazo de inscrición de cara ao vindeiro curso 2023-2024.
A escola seguirá ofertando as súas especialidades habituais: música para bebés, iniciación á música, linguaxe musical e especialidades instrumentais que van desde a frauta, o clarinete, o saxofón ou a trompeta ata o piano, a guitarra ou a percusión.
Este ano volverá haber descontos para o alumnado que escolla instrumentos de vento metal grave, como é o caso da trompa, o trombón, a tuba ou o bombardino; e como novidade especial, potenciaranse as actividades grupais, coa creación de máis conxuntos e combos de música moderna, nos que poderá participar alumnado de diferentes especialidades.
As persoas interesadas poden solicitar máis información sen compromiso a través das canles habituais da escola, no correo acescolamusicavilalba@gmail.com ou no teléfono 722 61 14 71.