A Esmuvi organiza a segunda edición do campamento de verán Mini Band Camp
Despois do éxito do ano pasado, a Banda e a Escola de Música de Vilalba celebrará este ano un segundo campamento musical arredor da banda de música, o Mini Band Camp, no que ademais de pasalo ben, os pequenos aprenderán e mellorarán co seu instrumento mentres reforzan as amizades.
Será desde o luns 24 ata o venres 28 de xuño, en horario de 9:00 a 14:00 horas. As mañás de xogos, deportes e outras actividades ao aire libre complementaranse cos ensaios dunha banda creada con todas as persoas participantes, rematando cun concerto final ao aire libre o venres 28 no auditorio e o 13 de xullo na Cidade da Cultura.
As especialidades instrumentais para poder participar son frauta, oboe, clarinete, fagot, saxofón, trompa, trompeta, trombón, bombardino, tuba, violonchelo, contrabaixo e percusión.
Haberá tamén un obradoiro de construción de instrumentos e outro de expresión corporal.
As prazas son limitadas polo que é preciso informarse e inscribirse nas redes e contactos habituais de Esmuvi Vilalba e a Banda de Música de Vilalba. Poden anotarse no campamento completo ou só nos obradoiros.