A Esmuvi remata o curso con dúas actuacións e unha xornada de portas abertas

TerraChaXa
O luns 17 de xuño abrirá o prazo de inscrición de cara ao vindeiro curso
carteis-esmuvi-vilalba
Carteis dos actos
14 Xuño 2024

A Asociación Cultural Escola de Música de Vilalba (Esmuvi) pechará o curso esta fin de semana con dous recitais que se celebrarán hoxe, venres 14, ás 19:30 horas e o sábado 15 ás 12:00 horas, ambos no Auditorio Municipal da capital chairega.

O venres será a quenda do alumnado de clarinete, saxofón, piano e conxunto, e o sábado actuará o alumnado de minicoro, iniciación, frauta, vento metal e percusión, repartíndose o de guitarra entre os dous días.

Inscricións abertas desde o luns 17

Pola súa banda, desde Esmuvi tamén aproveitan para anunciar que desde o vindeiro luns 17 de xuño estará aberto o prazo de inscrición de cara ao vindeiro curso 2024-2025.

Ese mesmo día, en horario de 17:00 a 20:00 horas celebrarase unha Xornada de Portas Abertas, na que todas as persoas interesadas se poderán informar e probar as especialidades instrumentais ofertadas pola asociación.

A escola seguirá ofertando as súas especialidades habituais: música para bebés, iniciación á música, linguaxe musical e especialidades instrumentais que van desde a frauta, o clarinete, o saxofón ou a trompeta ata o piano, a guitarra ou a percusión.

Este ano volverá haber descontos para o alumnado que escolla instrumentos de vento metal grave, como é o caso da trompa, o trombón, a tuba ou o bombardino.

As persoas interesadas poden solicitar máis información a través das canles habituais da escola, no correo acescolamusicavilalba@gmail.com ou no teléfono 722 61 14 71.

Verán intenso para a Minibanda

Ademais dos recitais destes días, a Minibanda, proxecto conxunto coa Banda de Música de Vilalba, está a piques de iniciar un verán intenso e cheo de actividades.

Do 24 ao 28 de xuño boa parte dos seus integrantes, xunto con alumnado chegado doutras escolas da contorna, participarán na segunda edición do MiniBandCamp, un campamento cheo de música, xogos e diversión organizado polas dúas asociacións anteriormente citadas e que este ano tamén oferta dúas actividades dirixidas a todo tipo de público infantil nacido antes do 2020.

En concreto, o martes 25 haberá un Obradoiro de Construción de Instrumentos de Percusión, no que con materiais de refugallo os participantes poderán elaborar diferentes instrumentos para formar unha Batucada; e o mércores 26 un Obradoiro de Expresión Corporal que reforce a posta en escea e a comunicación a través do noso corpo.

Para estes participantes externos, o prezo dos obradoiros será de 10 euros cada un ou 15 euros en total se optan participar nas dúas actividades.

No tocante a futuras actuacións, a agrupación dirixida polo mestre Dani Veiga está a preparar un programa de “músicas do mundo” que se estreará a finais de mes na capital chairega e que tamén percorrerá a posteriori algunhas parroquias do rural.

Unhas semanas despois, o sábado 13 de xullo, a Minibanda participará por segunda vez consecutiva no VII Festival de Bandas Infantís e Xuvenís de Galicia que se celebrará na Cidade de Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela.

0.11591005325317