A Esmuvi remata o curso cunha batería de actividades

A Asociación Cultural Escola de Música de Vilalba (Esmuvi) pechará o curso cun amplo programa de actividades, entre as que destacan os concertos didácticos que ofrecerá este venres en dúas sesións (10:30 e 12:00 horas) para preto de 1.000 escolares dos colexios CEIP Mato Vizoso, CEIP Insua Bermúdez, CEIP Monseivane, CEIP Terra Chá, CEIP Aquilino Iglesia Alvariño de Abadín, CEIP Plurilingüe de Xermade e EEI de Vilalba, e que se celebrarán no Auditorio Municipal da capital chairega.
Ademais, esta fin de semana o alumnado da escola participará en tres recitais que se celebrarán o venres 13 ás 20:00 horas e o sábado 14 ás 16:30 e ás 19:30 horas, no mesmo escenario ca os didácticos. As entradas, de balde, xa poden retirarse na web do Concello de Vilalba.
O recital do venres tamén incluirá os concertos do III Concurso de Solistas do Conservatorio de Música de Vilalba, nos que tocarán a trompetista Icía Vilas Castro e a clarinetista Antía Pérez Cendán acompañadas polo BMV Ensemble, baixo a dirección de Dani Veiga.
Pola súa banda, desde Esmuvi tamén aproveitan para anunciar que desde o vindeiro luns 16 de xuño estará aberto o prazo de inscrición de cara ao vindeiro curso 2025-2026.
Esa mesma semana, en concreto o xoves 19 de xuño de 16:00 a 20:00 horas, celebrarase unha Xornada Informativa para solucionar as dúbidas de todas as persoas que queiran consultar oferta musical da nosa vila, entre as que se inclúen o conservatorio, a escola de música e numerosas asociacións e agrupacións tanto do casco urbano como das parroquias.
Posteriormente, o xoves 26 de xuño de 16:00 a 20:00 horas celebrarase unha Xornada de Portas Abertas, na que todas as persoas interesadas se poderán informar e probar as especialidades instrumentais ofertadas pola escola de música e o conservatorio.
A escola seguirá ofertando as súas especialidades habituais: iniciación á música, linguaxe musical e especialidades instrumentais que van desde a frauta, o clarinete, o saxofón ou a trompeta ata o piano, a guitarra ou a percusión.
Este ano volverá haber descontos para o alumnado que escolla instrumentos de vento metal grave, como é o caso da trompa, o trombón, a tuba ou o bombardino.
As persoas interesadas poden solicitar máis información a través das canles habituais da escola, no correo acescolamusicavilalba@gmail.com ou no teléfono 722 61 14 71.