A estandarización de Pastores de Galicia profesionaliza o sector de cara á comercialización de canais
A Asociación de Criadores de Ovino e Cabrún de Galicia, Ovica, reunía na granxa Gayoso Castro a representantes da distribución, do mundo cooperativo e tamén expertos a nivel europeo en clasificación de canais nas súas xornadas técnicas, que nesta sexta edición, se centraban na comercialización dos produtos cárnicos.
O colectivo traballa na actualidade na caracterización dos modelos produtivos de ovino e cabrún existentes en Galicia, a fin de definir uns parámetros de manexo e de estandarización baixo a marca de calidade “Pastores de Galicia” no marco dun plan estratéxico que profesionalice todo o sector e permita abastecer á demanda do mercado galego dunha carne de cordeiro e cabrito de excelente calidade recoñecida.
Os expertos coinciden na necesidade de colaboración entre os gandeiros para ter máis volume de cordeiros e cabritos cos que garantir un subministro regular ao mercado; a diferenciación do produto e a estandarización das canais; e na importancia de contar co apoio da administración para realizar campañas de publicidade e de busca activa de novos mercados, incluso no exterior.
Actualmente Ovica, que agrupa ás explotacións de maior tamaño e máis profesionalizadas de Galicia, xa deu pasos importantes nese sentido, sobre todo coa creación dunha marca, “Pastores de Galicia”, que diferenza ao cordeiro e ao cabrito galegos polo seu sistema de crianza: alimentados con leite das nais e con ovellas que fan pastoreo en réxime extensivo ou semiextensivo que lle confire á carne un sabor e un valor nutricional moi distinto ao doutros cordeiros de fóra, criados en grandes cebadoiros en base a lactoremplazantes.
Rufino Jesús Gil Guerra, experto nacional e representante español no Comité de Inspección de Clasificación e Prezos de Vacún e Ovino da Unión Europa, destaca que “Galicia ten un gran futuro en cordeiros lechais de arredor de 6 quilos de peso canal e cun nivel de engraxamento adecuado de entre 2 e 3”, para o que aconsellou que os cordeiros estean no establo mentres as nais van ao pasto.
Ademais, destacou tamén o potencial que existe tamén para a exportación de canais máis pesadas, de máis de 13 quilos; xa que, tralo Brexit os gandeiros españois aínda poderían ter máis oportunidades en Italia, Francia ou Grecia. “E o mesmo sucede cos países árabes, que demandan un tipo de canal que se non lla subministramos nós farano outros”, engadiu.
Pola súa banda, o responsable de vendas do grupo Vegalsa Eroski, Jorge Eiroa, ademais de reiterar as palabras de Rufino Jesús Gil; apunta que “a distribución demanda que os cordeiros sexan o máis uniformes posibles e que o subministro por parte do gandeiro estea garantido”. Ademais, “cada vez é máis difícil vender cordeiros enteiros, polo que é preciso traballar en novos cortes, novos produtos e pratos precociñados para o resto. Así mesmo, Jorge Eiroa destacou tres tendencias de consumo da sociedade actual que tamén deben ser tidas en conta polos gandeiros: os produtos ecolóxicos a prezos razoables, a venda por internet e os pratos precociñados e de cuarta gama.
Finalmente, Higinio Mougán, xerente da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA), recomenda aos gandeiros de ovino e caprino que traballen en catro aspectos básicos: asociarse para comercializar en conxunto e poder chegar a novos mercados -algo que xa está a facer Ovica a través da súa cooperativa O Vélaro-; para negociar condicións de entrega e servizo coa distribución; na calidade como punto de partida irrenunciable e diferenciar o produto cunha marca ou selo de garantía.