A estrada LU-124, cortada entre Lindín e a Cruz da Cancela durante dous meses por mor das obras de mellora

TerraChaXa
A estrada LU-124, entre Lindín e Cruz da Cancela, rexistrará desde este luns, 25 de setembro, e durante dous meses, un corte de tráfico con motivo das obras de mellora desta vía.
Mapa da localización das obras e os cortes que se realizarán na LU 124.
23 sep 2017

A estrada LU-124, entre Lindín e Cruz da Cancela, rexistrará desde este luns, 25 de setembro, e durante dous meses, un corte de tráfico con motivo das obras de mellora desta vía. O tráfico cortarase entre os puntos quilométricos 10+060 (intersección entre a LU-124 e a LU-125) e o 15+294 (glorieta coa LU-122 en Cruz da Cancela).

Esta obra está executada aproximadamente nun 20 por cento e faise necesario un corte total pola execución das novas actuacións de drenaxe transversal. Estableceranse os desvíos alternativos que se poden ver no seguinte plano:

Esta actuación de mellora na estrada LU-124 adxudicouse á empresa Taboada y Ramos por un importe de case 1,3 millóns de euros.

Esta actuación, no treito comprendido entre o enlace de Lindín da autovía A-8 e A Cruz da Cancela pretende acadar unha maior seguridade e comodidade dos usuarios da vía. Deste xeito, facilitaranse os desprazamentos desde a autovía do Cantábrico cara aos municipios da Pontenova, Riotorto e A Pastoriza.

Os traballos previstos nesta estrada inclúen a ampliación da calzada ata acadar unha sección de 6,5 metros e a mellora dos elementos de drenaxe, tanto dos lonxitudinais, executando gabias tendidas de seguridade, como dos transversais á infraestrutura, que serán substituídos nalgúns casos para ampliar a súa capacidade. Ademais, disporase unha nova capa de rodadura en todo o tramo.

0.16269302368164