A Estruga organiza un mercado de troco o martes e o venres na praza de Abastos

A Praza de Abastos de Vilalba acollerá este mes de decembro unha nova edición de Troco na Praza, unha iniciativa organizada pola Asociación Espazo Agroecolóxico A Estruga coa colaboración do Concello de Vilalba. A actividade busca fomentar o intercambio de obxectos en bo estado entre a veciñanza, promovendo así a reutilización e o consumo responsable.
As persoas interesadas poderán achegar artigos que xa non precisen e levar aqueles que lles resulten útiles, nun ambiente de colaboración e sustentabilidade. O mercado de troco estará aberto o martes 9 de decembro en horario de 9:00 a 14:00 horas. O venres 12 repetirá xornada pola mañá, de 9:00 a 14:00, e tamén pola tarde, de 16:00 a 20:00 horas.
A Estruga destaca que se trata dunha oportunidade para darlle unha segunda vida a libros, vaixelas, roupa ou outros obxectos, reducindo residuos e reforzando as relacións comunitarias. O Concello anima á participación cidadá nesta proposta que combina solidariedade, reutilización e dinamización local.