A executiva do PSOE acorda designar a José Tomé como candidato á presidencia da Deputación
O acordo adoptado onte á noite pola Comisión Executiva Socialista da provincia foi ratificado seguidamente polo Comité Provincial para mandalo agora a informe da Comisión Executiva Nacional Galega e para a súa aprobación definitiva por parte da Comisión Federal de Listas.
A Comisión Executiva Provincial do PSdeG acordou este luns designar a José Tomé Roca como candidato do partido á Presidencia da Deputación Provincial de Lugo. O acordo foi ratificado seguidamente polo Comité Provincial para mandalo agora a informe da Comisión Executiva Nacional Galega e para a súa aprobación definitiva por parte da Comisión Federal de Listas.
O Secretario Xeral do PSdeG na provincia e actual presidente da institución provincial en funcións, e tamén Alcalde de Monforte de Lemos, subliñou que está a disposición do partido, “como fixen sempre”, expresando a súa satisfacción e o “firme compromiso de seguir traballando de maneira intensa e continua, as 24 horas, todos os días do ano, co obxectivo de que a Deputación siga sendo útil a todos e cada un dos 67 concellos da provincia para mellorar a vida dos veciños e veciñas, que é no que estivemos totalmente volcados nestes últimos catro anos cuns resultados creo que moi positivos, pois a colaboración da institución provincial foi determinante para que os municipios puidesen contar con máis e mellores servizos e infraestruturas, e tamén fomentar o emprego e dinamizar a economía local”.