A experiencia INCIBE achega a ciberseguridade á veciñanza de Vilalba

Vilalba acollerá os días 17 e 18 de abril a iniciativa Experiencia INCIBE, unha proposta organizada polo Goberno do Estado en estreita colaboración co Concello que busca achegar a ciberseguridade á cidadanía dun xeito práctico e participativo. Así o anunciaron a concelleira de Turismo, M. Xosé Fernández, e o vicealcalde, Modesto Renda.
A iniciativa pretende que as veciñas e veciños descubran como protexer o seu “eu dixital” a través de diferentes actividades que lles permitan desenvolverse con confianza nun entorno tecnolóxico cada vez máis presente no día a día.
A programación estrutúrase en tres espazos diferenciados que, en conxunto, configuran unha experiencia completa de concienciación en ciberseguridade. Por unha banda, haberá unha zona informativa na que as persoas asistentes poderán obter datos sobre as actividades dispoñibles e coñecer de preto o labor do INCIBE, incluíndo a súa misión, servizos e canles de contacto.
Ademais, habilitarase unha zona demostrativa e de capacitación, onde se realizarán demostracións prácticas, pequenas charlas informativas e dinámicas de xogo que permitirán aprender dun xeito ameno. A proposta complétase cunha zona de gamificación, na que os participantes poderán poñer en práctica os coñecementos adquiridos mediante minicompeticións virtuais e xogos en liña.
A experiencia está dirixida a un público amplo, que inclúe infancia, mocidade, familias e tamén empresas. O percorrido comezará na zona informativa, onde se explicarán as distintas actividades e se distribuirá material divulgativo.
As persoas interesadas poderán participar o sábado 17 de abril en horario de 09:00 a 14:00 e de 16:30 a 19:30 horas, e o domingo 18 de abril de 09:00 a 17:00 horas.