A Expodegustación de Galiña de Mos prepara un novidoso menú para poñer en valor esta raza autóctona

LugoXa | TerraChaXa
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo apoia a organización desta xornada, impulsada polos criadores locais e o Concello de Castro de Rei
expodegustacio-galina-de-mos
22 Oct 2025

A parroquia de San Xiao de Mos acollerá o vindeiro domingo, 26 de outubro, a XIV Expodegustación Galiña de Mos, organizada pola Asociación de Veciños de San Xulián de Mos e o Concello de Castro de Rei, coa colaboración da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e Avimós.

O vicepresidente Efrén Castro e representantes das entidades organizadoras presentaron a xornada, que pon en valor as calidades gastronómicas da galiña de Mos, na parroquia chairega que lle deu nome a esta raza autóctona, a maior do Estado en número de exemplares e produción.

A organización prepara para esta edición un novidoso menú co que se pretende reforzar o foco na calidade. Así, as e os comensais poderán degustar Galo de Mos guisado ao xeito tradicional, arroz con Galiña de Mos e ovo frito de Galiña de Mos. Os pratos prepararanse con produtos subministrados polos cinco criadores da parroquia de San Xiao de Mos.

Ademais do xantar, a organización destaca a relevancia da mostra de animais, con presenza de criadoras e criadores do concello e da comarca. Os premios aos mellores exemplares recoñecen o traballo das granxas e orientan tamén sobre os animais idóneos para a cría dos anos seguintes.

Efrén Castro destacou a importancia de eventos como a Expodegustación “para promocionar o produto e xenerar unha demanda que faga rendible o traballo dos criadores e criadoras” e valorou “a súa unión para levar a cabo esta xornada e visibilizar San Xiao de Mos como núcleo orixinario da recuperación desta raza autóctona”.

A contorna do campo da feira de San Xiao de Mos contará tamén con postos artesanía, unha mostra de coches clásicos e xogos populares, a cargo da Asociación Cadaval, que dinamizarán a xornada.

⚙ Configurar cookies
0.068938016891479