A FCAM fai un balance positivo da campaña Desvirtualízate

TerraChaXa | AMariñaXa
1 Xul 2019

A Federación de Comercio A Mariña fai unha valoración positiva da campaña Desvirtualízate, que se desenvolveu durante o presente mes de xuño co obxectivo de darlle unha maior visibilidade e de poñer en valor o comercio local.
O presidente da FCAM, José Carlos Paleo, subliña que “esta campaña foi moi completa. Nas redes sociais recibiu máis de 1.000 visitas diarias, estivemos presentes na prensa, en vallas publicitarias, na radio e na televisión, coa intención de concienciar á poboación da importancia que ten facer as compras no comercio dos nosos pobos. Sen os pequenos negocios as vilas non existen e a vida nos pobos tampouco”.
Paleo engade que “o balance desta campaña, coa que quixemos darlle importancia ao comercio local, é positiva porque chegamos a moita máis xente que noutras ocasións. Incrementamos a nosa visibilidade a través dos diferentes formatos empregados e iso é importante”.
Na xuntanza que onte mantivo a directiva da FCAM tamén se falou das rebaixas de verán que dan comezo estes días: “estamos a repartir cartelería gratis entre os nosos asociados e asociadas para que poidan anunciar nos seus negocios que están de rebaixas e para facelo dun xeito uniforme. E tamén queremos animar á clientela a que siga apostando por facer as súas compras, tamén en rebaixas, no comercio local. Na Mariña temos unha oferta moi variada e podemos atopar de todo”.
A vindeira campaña da FCAM terá lugar nos meses de outubro e novembro. Nesas datas serán os 8 sorteos de miles de euros en vales de compra nas vilas que contan con Acias que forman parte da FCAM, tal e como veu sucedendo nos últimos anos: Ribadeo, Foz, Burela, Xove, Viveiro, Celeiro, O Vicedo e Lourenzá.

0.28083896636963