A Federación de Razas Autóctonas estuda posibles actuacións para impulsar estas especies

TerraChaXa
A Federación de Razas Autóctonas de Galicia reuniuse co conselleiro para coñecer de primeira man a situación e as demandas desta entidade e buscar novas actuacións conxuntas para poñer en valor estes animais de especial singularidade.
1 1
5 Xan 2019

A Federación de Razas Autóctonas de Galicia reuniuse co conselleiro para coñecer de primeira man a situación e as demandas desta entidade e buscar novas actuacións conxuntas para poñer en valor estes animais de especial singularidade.

Así, o conselleiro destacou a importancia da conservación destas razas polo recurso xenético que supoñen e o seu papel fundamental na preservación de ecosistemas e pastos. Sinalou ademais que estas razas son unha ferramenta útil para a fixación da poboación no medio rural, incrementando a calidade, a competitividade e o valor engadido dos nosos produtos. Neste senso, o titular de Medio Rural comprometeuse a seguir traballando por estas razas e indicou que, precisamente, desde o martes 11 está aberto o prazo para solicitar as axudas para o fomento das razas autóctonas de Galicia para o ano 2019, que conta cun orzamento de 200.000 euros.

A maiores, o conselleiro incidiu na necesidade de mobilizar terras para este sector, pois permite incrementar a base territorial das explotacións e conseguir que estas sexan máis rendibles e aumenten incluso a súa produción. O presidente da Federación interesouse tamén polas particularidades que teñen estas explotacións á hora de solicitar as axudas da Política Agrícola Común (PAC) de cara a nova medida máis alá do 2020, ao que o conselleiro lle trasladou que Galicia está a negociar en Bruxelas xunto co Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a súa postura -apoiada polas propias organizacións agrarias- que inclúe a existencia dunha discriminación positiva para as zonas de montaña e con limitacións naturais, precisamente onde se realiza a gandaría en extensivo destas razas.

Noutra orde de cousas, José González trasladoulle á federación que o seu departamento está estudando a posibilidade de implantar en Galicia os matadoiros móbiles para o sectores apícola, ovino e cabrún. Esta posibilidade, explicoulle, naceu ante a dificultade deste sector á hora de levar os animais aos matadoiros polos custos que implican, tanto de traslado como de sacrificio. Trátase dun sistema que xa está adaptado á normativa comunitaria pero que cómpre analizar polo miúdo. A intención da consellería é darlle máis rendibilidade aos produtores e gañar en benestar animal, xa que estes matadoiros móbiles favorecerían tamén as zonas con limitacións naturais.

Na actualidade, as razas autóctonas galegas en perigo de extinción da especie bovina son a cachena, caldelá, frieiresa, limiá e vianesa, na ovina está a ovella galega, na caprina a cabra galega, na aviar a galiña de Mos, na porcina o porco celta e na equina o cabalo de pura raza galega.

0.14249610900879