A Federación Galega de Espeleoloxía propón a creación dun espeleoparque en Mondoñedo
No que vai deste mes de agosto, a Cova do Rei Cintolo tivo 572 visitas. Consciente do interese que esperta este recurso natural e todo canto rodea á espeleoloxía, o goberno municipal de Mondoñedo, agora presidido por Manuel Otero, leva anos traballando para consolidar o municipio como destino turístico vinculado a esta modalidade. Así, o alcalde e a concelleira de Cultura, Elena Candia, mantiveron unha reunión co presidente da Federación Galega de Espeleoloxía, Francisco Martínez García, coa que o Concello mantén un convenio desde o 2016 polo que esta entidade se encarga das visitas guiadas á cova. No encontro abordáronse novas iniciativas, entre as que destacan una nova opción dentro das visitas guiadas á Cova e o proxecto do Espeleoparque da Mariña Lucense que promove a Federación Galega de Espeleoloxía.
Os representantes do Concello expresaron á Federación o seu apoio e compromiso de traballo para a creación do Espeleoparque da Mariña Lucense. Este proxecto, segundo explicou o presidente da citada federación deportiva, incluiría recursos de diferentes municipios, tales como karst puro da Cova do Rei Cintolo, karst granítico da zona do río Tronceda, furnas mariñas en distintos municipios lucenses, minas e o Centro de Interpretación da Prehistoria do Vilar. A posta en práctica desde proxecto podería incluso chegar a derivar na creación dun xeoparque nesta zona lucense.
En canto ao novo itinerario guiado na Cova do Rei Cintolo hai que sinalar que, polas súas característica, será máis deportivo e só poderán participar persoas maiores de 18 anos. Hai que recordar que no pleno do pasado mes de xullo aprobouse unha modificación da normativa que regula as visitas, para ampliar o seu número. Este novo tipo de visitas “deportivas especiais” está aberto a actividades como campamentos de espeleoloxía, desenvolvemento de cursos relacionados con esta especialidade e coas actividades de intervención e rescate dentro da cavidade. Tanto o Concello como a Federación valoran moi positivamente o número de visitas recibida pola Cova do Rei Cintolo que é un espazo de referencia, un “santuario entre a ciencia e a lenda da espeleoloxía galega”. Outro cambios efectuados no regulamento do réxime de visitas foron os seguintes: rebaixa dun ano (quedou fixada en 11) da idade para poder acceder á galería central; agora é posible participar en visitas guiadas ao río (é necesario ser maior de idade); rebaixa de 12 a 8 anos a idade mínima para participar nas visitas deportivas de espeleoloxía.
Na reunión recordaron que se fixo unha análise de superficies na cova para detectar a posible presenza de covid-19 e deron negativo.
É de destacar que en 2019 instalouse no Pazo de Santo Tomé o Centro de Documentación Espeleológica de España. Desde xeito, Mondoñedo convértese nun punto neurálxico da espeleoloxía española. No Centro de Documentación iniciouse, a cargo dunha empresa, a catalogación dos miles de documentos que acolle e que conformarán a gran base de datos da espeleoloxía nacional.
Desde o Concello indícase que todas estas iniciativas enmárcanse nas normas e recomendacións sobre sostenibilidade turística en destinos. Nesta liña, o Concello de Mondoñedo fixo propostas para o plan de sostenibilidade que a Mancomunidade da Mariña remitirá ao Ministerio de Industria, Comercio y Turismo.