A Federación Galega de Montañismo estudan crear zonas de escalada en Mondoñedo
Nacho Jorge, vicepresidente da Federación Galega de Montañismo e Quico Jorda, técnico da Escola de Montaña, están estudando as posibilidades de cara a crear zonas de escalada en Mondoñedo.
Na reunión valorouse a idea de implementar deportes de montaña en Mondoñedo, nomeadamente a escalada. Así, estudarán diferentes emprazamentos para colocar este tipo de áreas, como unha forma de dinamizar o turismo activo.
Desde a Federación Galega de Montañismo comprometéronse a presentar unha memoria sobre as mellores zonas para practicar esta modalidade deportiva en Mondoñedo, así como o seu impacto para a economía local ou o medio ambiente.
Nacho Jorge e Quico Jorda trasladáronlle á rexedora as posibilidades iniciais que ofrece o Concello en relación coas zonas de escalada. Así o Concello prestaría a súa colaboración para a adecuación de sendeiros ou a limpeza da maleza nos sitios elixidos.
Ademais a Confederación Española de Espeleoloxía e Canóns (CEC) celebrará a súa asemblea xeral o próximo 4 de maio en Mondoñedo, data que os seus representantes aproveitarán para inaugurar o Centro Español de Documentación Espeleolóxica, que estará situado en Pazo de Santo Tomé, o Centro Comarcal, un edificio de titularidade municipal.
O novo centro de documentación reunirá no espazo cedido polo Concello a biblioteca da Federación Galega de Espeleoloxía, así como as memorias de todas as exploracións que se fixeron no noso país e a documentación da antiga Federación Española.
Como explica o presidente da Federación Galega e secretario da Confederación Española, Francisco Manuel Martínez, preto de 3.000 volumes serán organizados nunha primeira fase para, nun futuro, poder ser dixitalizados.