A Feira da cantería de Parga celebrará o 21 o seu cuarto de século de vida
A localidade guitiricense de Parga celebrará este ano unha nova edición da Feira da Cantería, Callos e Artesanía, unha cita inexcusable e orixinal do verán chairego que este ano festexa o seu cuarto de século de vida.
A organización xa ten previsto un programa similar ao do ano pasado e convocará estes días o concurso de canteiros, base da celebración.
De feito, o domingo o día grande, a xornada dará comezo co inicio do traballo dos vinte canteiros participantes, que recibirán a súa pedra para comezar a talla, que terá que estar rematada e lista para a valoración do xurado ás 14.00 horas. O fallo dos tres membros do xurado darase a coñecer de seguido ante as mesmas tallas.
Como todos os anos haberá tres premios, de 700, 500 e 200 euros para os gañadores e cen euros para todos os participantes para gastos de desprazamento e material.
O segundo bloque da sesión será a propia Artesanía. Do mesmo xeito que en edicións anteriores, durante todo o día manterase aberta unha mostra de artesáns na zona do campo da feira. Os amantes da artesanía poderán gozar das explicacións do proceso así como da compra dos produtos que se expoñan nos máis de 40 postos que participarán este ano.
E para manterse en pé esta longa xornada, haberá degustación de callos ao mediodía. O obxectivo é seguir a dinámica do ano pasado e que os 5 bares da zona de Parga sexan os encargados de preparar no campo da festa os callos ao máis puro estilo chairego. Os que queiran este reconstituínte poderán mercar o seu cazolo de callos acompañado de pan (con servilleta e culler) por 5 euros.
A comida estará aminizada pola actuación de Odaiko e Vanesa Muela, que ofrecerán un concerto de folk.
Pola tarde haberá carreira de burros a partir das 17.30 horas con premios de 15 euros para os participantes e 200 para o gañador. Pódense incribir con antelación ou o mesmo día.
A festa rematará coa actuación de Amizades, unha asociación da Coruña que toca música de habaneiras, bolros e cancións sudamericanas utlizando instrumentos de corda.