A Feira da Maquinaria Usada, Artesanía e Antigüidades de Cospeito presenta o seu programa
O Concello de Cospeito xa ten listo o programa para a celebración da Feira da Maquinaria Usada, Artesanía e Antigüidades, que terá lugar a fin de semana do 23 e 24 de abril e que acada a XXXI edición.
Esta celebración é xa un referente nos sectores da maquinaria usada e nova, nunha porcentaxe do 50%, agrícola e industrial, a artesanía, os anticuarios, a floricultura e todo tipo de dispositivos que se poidan ver nunha feira. Contará con expositores de maquinaria, postos de artesanía de Galicia e León e anticuarios chegados de toda Galicia. Recupera tamén a feira a venda directa de particulares na artesanía, que terán o espazo gratuíto.
Serán en total preto de 120 expositores os dous días da feira, serán 20 anticuarios, 36 artesáns e entre 20 e 25 expositores de maquinaria, ademais de diferentes postos ambulantes.
A feira, que será de entrada gratuíta, abrirá as súas portas o sábado 23 ás 10.00 no recinto feiral e media hora máis tarde farano o pavillón dos deportes, onde estará ubicada a exposición de anticuarios. Aínda así, a inauguración oficial coas autoridades será ás 13.30 horas. Estas dúas mostras permanecerán abertas ata as 20.30 horas. O domingo repetirase o horario, desde as 9.00 horas tamén coa clausura oficial ás 20.30.
A sesión contará coa segunda edición da Exposición de Coches Clásicos, a primeira tivo lugar xusto antes da pandemia.
O programa completarase o domingo, ás 13.00 horas, coa I Festa da Música, que terá lugar na praza da Feira e que contará coa actuación da Banda de Gaitas Dambara de Burela e do grupo local Asubíos da Chaira, que estará acompañado dos Asubiíños. O Concello anunciou que nun futuro queren potenciar o espazo cultural na feira coa presenza de máis grupos.
En toda a fin de semana Feira do Monte encherase do espíritu da feira coa colocación de postos de gastronomía repartidos pola localidade para poder gozar os pratos tradicionais galegos.