A Feira da Maquinaria Usada, Artesanía e Antigüidades de Cospeito será os días 26 e 27 de abril

O Concello de Cospeito volverá celebrar, coincidindo coa última fin de semana de mes, a Feira da Maquinaria Usada, Artesanía e Antigüidades, que terá lugar os días 26 e 27 de abril e que acada a XXXIV edición.
Esta celebración é xa un referente nos sectores da maquinaria usada e nova, nunha porcentaxe do 50%, agrícola e industrial, a artesanía, os anticuarios, a floricultura e todo tipo de dispositivos que se poidan ver nunha feira. Contará con expositores de maquinaria, postos de artesanía de Galicia e León e anticuarios chegados de toda Galicia. Mantén tamén a feira a venda directa de particulares na artesanía, que terán o espazo gratuíto.
Espérase unha asistencia dun total de 120 expositores os dous días da feira, con anticuarios, artesáns e entre 20 e 25 expositores de maquinaria, ademais de diferentes postos ambulantes.
A feira, que será de entrada gratuíta, abrirá as súas portas o sábado 26 ás 10.00 no recinto feiral e media hora máis tarde farano o pavillón dos deportes, onde estará situada a exposición de anticuarios. Estas dúas mostras permanecerán abertas ata as 20.30 horas. A inauguración oficial será ás 12.00 horas. O domingo abrirá ás 9.00 horas e pechará ás 20.30.
O programa completarase con outras actividades. Volverá a Festa da Música, na súa cuarta edición, que terá lugar durante dous días. O sábado, de 12.00 a 14.00 e de 1630 a 19.00 haberá pasarrúas con Asubíos da Chaira e Charanga DGT. Para as 19.30 están previstos os cantos de taberna, que se desenvolverán con Árdelle o Eixo, A Subela, Grupo Múxica, Canavella&Axóuxere, Cerna de Árbol e Pre-Asubío.
O domingo, a partir das 13.30 horas será a propia Festa da Música con Asubíos da Chaira de novo e o grupo folclórico IES Xanines de Quintes.
A Feira conta cun novo deseño de cartel, que foi realizado por Paula Francos.