A Feira de Artesanía de Vilalba contará con diferentes obradoiros e actividades
A feira celébrase esta fin de semana na súa primeira edición tras a pandemia. Entre as actividades propostas inclúense pasarrúas, concertos, demostracións artísticas, así como varios obradoiros.
O Concello de Vilalba celebra esta fin de semana, 7 e 8 de maio unha nova edición da Feira de Artesanía. Unha cita que se retoma tras o parón provocado pola pandemia.
O principal atractivo desta feira son as casetas de artesanía, que estarán abertas o sábado de 11:00 a 21:00 e o domingo de 10:00 a 15:00 na Praza da Constitución. Este ano, o Concello de Vilalba fixo unha coidada escolma entre os postos de artesanía que se instalarán, co obxectivo de que sexan o máis orixinais e axeitados posible.
Os visitantes poderán visitar postos con diferentes produtos, como coiro, fío, tea, madeira, entre outros tipos. Tamén contarán coa presenza de artesáns locais, co obxectivo de promocionar o comercio local.
“Nesta edición intentamos renovar a proposta da feira, para que os visitantes poidan atopar actividades distintas ás de outros anos. Así, a Feira de Artesanía de 2022 estará enfocada á música e ao baile tradicional, unha disciplina cunha gran afección na nosa vila”, explica Antía Rama, concelleira de Feiras e Mercados.
Obradoiros, concertos e pasarrúas
Deste modo, programáronse diferentes actividades relacionadas coa música e o baile. A programación dará comezo o sábado 7 de maio, coa apertura da feira ás 11:00 e co pasarrúas a cargo de A.C Andrade ás 11:30.
Esa mesma tarde, ás 17:00 organízase un obradoiro de baile tradicional, baixo o título Bailes, xogos e algo de muiñeira. A actividade, dirixida ás familias, está a cargo de Montse Rivera, da agrupación Leilía. O obradoiro acolle participantes de todas as idades e os menores de 6 anos deben estar acompañados dun adulto. O obxectivo da proposta é achegar o baile tradicional a persoas principiantes así como á infancia.
A continuación, Montse Rivera ofrecerá ás 18:00 un obradoiro de baile tradicional de perfeccionamento, baixo o título Como bailar nun serán ou foliada: as regras non escritas. Terá unha duración de 90 minutos e poderán participar persoas a partir de 10 anos e con coñecementos de baile. As prazas nestes dous obradoiros de baile asignaranse por orde de chegada ata completar as prazas dispoñibles.
Ademais, durante todo o día realizarase un obradoiro de xoguetes sonoros a cargo de Xaneco. As persoas interesadas poderán achegarse en calquera momento para participar na actividade. A xornada do sábado péchase co concerto de Vacas na Praza da Constitución, que será ás 20:00 con entrada libre.
O domingo, xornada na que a feira estará aberta de 11:00 a 15:00, realizarase un pasarrúas a cargo da A.d.C. Cerna de Árbol ás 12:00. A continuación, ás 13:00, Brúa ofrecerá un concerto na Praza da Constitución.
Demostracións de arte, instrumentos e tecido en tear
Ademais, durante toda a feira, os artistas Clara Naseiro e José Gómez de Bernardo (Pepón) realizarán unha escultura en madeira e pedra que renderá homenaxe á música e o baile tradicional.
Alén do obradoiro que propón o sábado, Xaneco Tubío fará unha demostración do oficio de luthier, expoñendo a zanfona e outros instrumentos elaborados no obradoiro.
Xosé Piñeiro, de Instrumentos Nebra, ofrecerá unha demostración da construción gaitas. Pola súa banda, as mulleres de Insua mostrarán aos asistentes o tecido en tear, na mostra Baixo Lizo. Por último, o IES Cha ofrecerá unha exposición de fotografías sobre a Tradición Musical en Vilalba.